O TSXG admite a trámite o recurso dunha eólica que lle reclama á Xunta 46 millóns

O Goberno autonómico autorizara que instalase un parque entre Triacastela e Samos que despois anulou a Xustiza

Aerogenerador de un parque eólico. AEP
photo_camera Aeroxerador dun parque eólico. AEP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) admitiu a trámite o recurso interposto pola empresa Fergo Galicia Vento S.L. contra a Xunta de Galicia, á que lle reclama case 46 millóns de euros por danos e prexuízos. 

Faino, segundo informa o alto tribunal galego, ao entender que llos causou a nulidade xudicial da autorización que lle concedeu o Goberno autonómico para executar o proxecto do parque eólico Serra do Oribio, situado entre os municipios lugueses de Triacastela e Samos. Esa nulidade é firme, pois o Tribunal Supremo ratificou a sentenza emitida pola sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG sobre o parque eólico. 

O 21 de setembro de 2023 a empresa presentou ante a Xunta unha reclamación de responsabilidade patrimonial, na que solicitou unha indemnización de 10.131.317 euros, en concepto de dano emerxente ou perda patrimonial, e de 35.656.963 euros como lucro cesante, é dicir, pola ganancia que deixou de obter. 

Ao non responder a Xunta a esa reclamación, Fergo Galicia Vento S.L. presentou un recurso contencioso-administrativo polos trámites do procedemento ordinario ante o TSXG, o cal foi incoado. 

O alto tribunal galego, tal e como se require neste tipo de asuntos, solicitoulle o expediente á Xunta, á que tamén deu traslado do recurso de reclamación patrimonial por silencio administrativo interposto pola empresa.

Un dos argumentos que os maxistrados da sección terceira do Contencioso-administrativo esgrimen en autos nos que están a ordenar paralizar, de forma cautelar, algunhas das autorizacións outorgadas pola Xunta para construír parques eólicos na comunidade é o feito de que consideran que a paralización temporal desas construcións é "un mal menor", precisa o TSXG. En comparación, sostén, "co custo económico que para as arcas públicas da Xunta tería a construción das instalacións se posteriormente se declarase a súa ilegalidade, xa que podería implicar o deber de demolición (á conta da Administración autorizante) e de indemnización ao promotor que construíu de boa fe amparado en título administrativo".

Novos autos do TSXG

Os maxistrados da sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG emitiron novos autos nos que acordaron a suspensión das autorizacións outorgadas pola Xunta de Galicia para os proxectos de catro parques eólicos: Maxal (situado en Rodeiro, Antas de Ulla e Taboada), Serra do Colmo (Becerreá e Baralla), Uxo (Avión) e Castro Valente (A Estrada, Pontecesures, Valga e Padrón). Tamén divulgou outros dous autos nos que se desestimaron a medida cautelar para as instalacións de Monte do Cordal (en Friol) e Seselle (Oza-Cesuras). 

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia notificou ata hoxe 56 autos nos que decide sobre as solicitudes de suspensións cautelares de autorizacións administrativas e de construción de 35 parques eólicos, dos cales 31 foron estimatorios.

Comentarios