jueves. 26.05.2022 |
El tiempo
jueves. 26.05.2022
El tiempo

Triacastela humaniza a contorna da antiga ferrería co plan Hurbe

Ángeles Vázquez comprobó el resultado de la obra junto a Olga Iglesias y Encarnación Rivas. VILA
Ángeles Vázquez comprobó el resultado de la obra junto a Olga Iglesias y Encarnación Rivas. VILA
A zona de actuación é un dos accesos ao centro da vila e tamén paso do Camiño

A contorna da antiga ferrería de Triacastela, un emblemático edificio que data do século XVI e que tamén funcionou como mesón de peregrinos, foi acondicionado con fondos do plan Hurbe da Xunta. A actuación, que tivo un custo de 50.000 euros, permitiu humanizar un dos accesos ao centro da localidade e, ao mesmo tempo, lugar de paso do Camiño Francés.

A conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, visitou este luns o resultado destas obras, nas cales o seu departamento investiu 35.000 euros, mentres que os 15.000 restantes foron achegados polo Concello.

Os traballos consistiron en pavimentar con pedra da zona, construír beirarrúas e colocar muros de mampostería en sintonía con esta contorna singular.

Tamén se melloraron os servizos coa renovación do iluminación, a substitución da rede de pluviais, instalación de nova sinalización e unha escaleira de acceso cara á zona peonil da avenida Camilo José Cela.

A conselleira estivo acompañada, entre outros, da directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, e a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, quen destacou que esta obra supón o embelecemento dun espazo BIC (sitúase na saída do Camiño Francés por San Xil) e polo cal se accede ao núcleo de Triacastela, xunto a unha antiga herrería coñecida como Casa da Ponte e con elementos interesantes como o arco de medio punto da entrada.

"Agora lucimos moito mellor de cara ao exterior e de cara a facernos atractivos, ademais de dotar de servizos algunhas vivendas que estaban nesta contorna e que non os tiñan. Creo que os peregrinos que pasen por Triacastela van levar un recordo moito mellor do noso pobo grazas a esta intervención", afirmou Olga Iglesias.

Pola súa banda, Ángeles Vázquez sinalou que o plan Hurbe, dedicado á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo, cofinanciou durante os últimos doce anos un total de 320 actuacións en municipios galegos cun investimento de 150 millóns de euros.

A conselleira dixo tamén que o seu departamento manterá esta liña de cooperación cos concellos, este ano dotada con sete millóns de euros, para facer vilas máis accesibles e contornas urbanas máis acolledores.

Sobre a mellora en Triacastela, Vázquez destacou que se trata dunha obra "de integración na paisaxe e posta en valor do Camiño de Santiago". Incidiu tamén na dinamización económica que estas accións supoñen para os concellos e no uso de materiais propios e próximos á zona.

A alcaldesa aproveitou a visita para mostrar á conselleira outra zona de Triacastela, tamén lugar de paso do Camiño, onde proxecta unha humanización similar.

Triacastela humaniza a contorna da antiga ferrería co plan Hurbe
comentarios