Triacastela acollerá un taller sobre os modos de vida no Paleolítico

A actividade será o día 17, dentro da campaña de escavacións en Cova Eirós
Actividad didáctica sobre Cova Eirós, en una edición anterior. AEP
photo_camera Actividade didáctica sobre Cova Eirós, nunha edición anterior. AEP

A praza do Concello de Triacastela será escenario o próximo día 17 dun taller didáctico sobre os modos de vida no Paleolítico, dirixido a todos os públicos e enmarcado dentro da campaña de escavacións arqueolóxicas que se realiza en Cova Eirós.

A actividade está programada para as 18.30 horas e será impartida polo profesor Marcos Terradillos, da universidade Isabel I de Castela, con sede en Burgos.

Ademais, completarase cunha mostra dalgúns dos achados "máis senlleiros" que depararon ata o momento as escavacións no xacemento, tal e como explica o codirector destes traballos, Arturo de Lombera.

No ano 2014, o equipo de arqueólogos da Universidade de Santiago de Compostela e a Universitat Rovira i Virgili de Tarragona que investiga en Cova Eirós xa organizou unha actividade similar que tivo un gran éxito de público, o que lles anima a repetir a experiencia con novos ingredientes.

A campaña en curso de escavación en Cova Eirós comezou o pasado día 5 e prolongarase ata o 26 coa participación dunha vintena de arqueólogos, divididos en dúas quendas.

Os investigadores traballan xa a pleno rendemento, cun ritmo de escavacións e recuperación de materiais na liña destes anos, polo que se mostran "contentos", sinala De Lombera.

Traballan no nivel 4 do xacemento, cunha antigüidade aproximada de 45.000 anos e cunhas ocupacións máis prolongadas no tempo. Ata o momento xa recuperaron diversa ferramenta lítica, restos óseos vos como unha mandíbula de rebeco e restos de pequenos fogares asociados ao que descubriron en 2011, engade o codirector.

Segundo comenta, nos últimos días tamén visitaron a Cova Eirós de Triacastela un grupo de seis espeleólogos dous clubs CETRA e Ártabros, quen se encargaron de realizar a topografía do interior desta cavidade.

Comentarios