Un tráiler derruba un muro e choca cun poste nun punto estreito de Trasliste

Unha testemuña tomou a matrícula do camión, que non logrou virar en dúas curvas pechadas dunha estrada moi utilizada para enlazar coa A-6
undefined
photo_camera Danos no muro de pedra causados polo vehículo pesado. EP

Un tráiler levou por diante esta semana uns dez metros do muro de peche dunha parcela, ademais de encaixarse contra un poste da luz, na parroquia lancaresa de Trasliste. O suceso ocorreu nun tramo da estrada no que se suceden dúas curvas moi estreitas e pechadas, onde xa quedaron atrapados outros camións, aínda que sen provocar tantos danos como nesta ocasión.

Segundo explican os veciños, esta vía é cada vez máis frecuentada porque supón un atallo para enlazar coa autovía A-6 e máis desde que foi arranxada dentro dun proxecto de cooperación entre os concellos de Láncara e O Corgo.

A estrada parte de Vilaleo e pasa por Trasliste para saír a Santalla e Gomeán, reducindo o percorrido ata a autovía nuns 20 quilómetros. Os usuarios aseguran que, á altura da saída 479 da A-6, o propio sistema GPS sinala esta vía como o traxecto máis rápido para ir a Láncara.

Os veciños xa tiveron que remolcar en varias ocasións vehículos pesados que quedaron atrapados

O problema radica en que, ao chegar á parroquia de Trasliste, os condutores atópanse con dúas curvas pechadas nas que se estreita a calzada. Os coches pasan sen problema, pero non así os camións. Os veciños xa tiveron que acudir en varias ocasións a remolcar cun tractor vehículos pesados que quedaron atrapados, pero nunca ocorreu algo como o sucedido hai uns días.

Un tráiler que non logrou facer o xiro encaixouse cun poste e tirou un muro de pedra que pecha unha leira, de dous metros de alto. "No canto de parar seguiu para adiante e barrenou o que atopou", comentan os veciños. No lugar quedaron tamén esparexidos restos do camión, que continuou a marcha tras saír da zona de atasco.

O incidente produciuse a plena luz do día e unha testemuña tomou a matrícula do tráiler, comunicándolla ao Concello, o cal contactou coa empresa propietaria para que se faga cargo dos danos.

A estreiteza desta vía ao seu paso por Trasliste motivou unha solicitude do PP para que se sinalice co fin de evitar novos accidentes con vehículos pesados.

A solución definitiva pasaría polo ensanche da estrada neste punto.