Terceiro rexeitamento do pleno de Sarria ao plan especial para o centro histórico

O documento urbanístico presentouse sen cambios e o asunto resolveuse sen apenas debate

Pleno en Sarria. VILA
photo_camera Pleno en Sarria. VILA

O plan especial do centro histórico e o Camiño de Santiago ao seu paso por Sarria non verá a luz oficialmente durante este mandato. O grupo de goberno levouno este xoves, por terceira vez, ao que foi o último pleno ordinario desta lexislatura, e por terceira vez foi rexeitado pola oposición.

O documento presentouse sen cambios con respecto á última ocasión, no mes de febreiro. "Traémolo de novo a pleno porque é a última esperanza de que tomen en consideración a importancia que ten para Sarria", argumentou a alcaldesa, Pilar López.

Para o portavoz popular, José Antonio García, resulta "ridículo" volver presentar o mesmo plan, o cal "xa foi rexeitado porque é prexudicial para os veciños".

O asunto resolveuse sen maior debate, pero si serviu para facerse reproches de cara ás eleccións. A proposta recibiu os votos a favor do goberno e en contra de PP, José Manuel Bello e Benjamín Escontrela, nun pleno ao que faltaron o expopular Manuel Sangil e o non adscrito Antón Fortes.

A rexedora recriminou a Belo cambiar de opinión tras coñecerse que irá de número dous do PP. "Cando representaba a IG asbtívose e agora que representa ao PP vota en contra", criticou. Belo alegou que o seu último voto fora contrario (no pleno de febreiro estivo ausente) e acusou a López de tratar "de embarrar cando non lle dan as contas". "Creo que lle doeu", dixo.

O pleno tamén acordou, esta vez por unanimidade, deixar sobre a mesa a contratación dunha auditoría sobre o ciclo da auga e decidiu, coa abstención de Bello e Escontrela, dar traslado da conta xeral do ano 2017.

ACUSACIÓNS. Neste último punto tamén se sucederon as acusacións. Segundo o portavoz popular, a conta preséntase con oito meses de atraso, o que converte Sarria nun concello "moroso" e pon en risco a concesión de entre "30 e 35 subvencións". A alcaldesa respondeu que, de momento, non se perdeu ningunha porque está pendente de resolverse a petición de excepcionalidade formulada polo Concello.

No apartado de preguntas, sóubose que a residencia de maiores deu comidas a unhas persoas externas por motivos "humanitarios", que o Concello contratará dous operarios para cubrir baixas na brigada de medio ambiente e que a modificación do proxecto de Ponte Ribeira se entregará en breve. Tamén que o Concello rectificou e decidiu, tal e como suxeriu no pleno anterior Victoria López, que os once cans aos que paga unha residencia pasen a ser xestionados pola protectora que está en fase de contratación.

Xa como peche da sesión, Pilar López asegurou que, a pesar das discrepancias, foi "un pracer" presidir os plenos estes catro anos e Victoria López despediuse da súa etapa de edila cun chamamento a dar sempre o mellor de cada un polo ben de Sarria.

Comentarios