Héctor Corujo: "Temos un proxecto para recuperar máis de 200 hectáreas de soutos"

Cando daba os seus primeiros pasos co bastón de mando no Incio, Héctor Corujo González atopouse cunha pandemia que lle quita sono e tempo, pero que non o desvía do seu obxectivo de aproveitar a riqueza natural, patrimonial e histórica das terras do Incio para buscar un futuro mellor para os seus veciños
Héctor Corujo, alcalde do Incio. AEP
photo_camera Héctor Corujo, alcalde do Incio. AEP

UNHA ALDEA MODELO onde hai terra para quen quere traballala, un encoro navegable, camiños pouco pisados que desvelan tesouros, castiñeiros que regalan futuro. Son proxectos deste rexedor que, como bo motorista, sabe frear cando veñen curvas, pero segue o seu camiño.

Foi chegar á política e ter que xestionar unha pandemia.
Si, non axudou nada. Cando estás collendo as rendas, o que pensas é en sacar adiante a xestión ordinaria do día a día e en ser imaxinativo para buscar saídas e xeitos de atraer investimento. Pero chega a pandemia, hai que situala en primeiro plano e dificulta moito seguir cos outros dous brazos de traballo. É un estrés enorme.

Preocúpalle moito a xestión dos temas relacionados co covid-19?
Preocúpame moito que haxa contaxios entre os veciños, pero tamén teño un medo enorme a que os haxa entre os traballadores do Concello porque somos poucos e se temos que prescindir de xente sería moi difícil prestar os servizos esenciais. Por exemplo, se dá positivo a persoa que conduce o camión do lixo, a quen sento ao día seguinte ao volante?

Que pode facer neste ámbito desde o Concello?
Fixemos reparto de máscaras e agora estamos definindo unha partida de axudas para autónomos e hostaleiros, cuxo traballo se ve moi afectado pola pandemia. Imos adaptándonos día a día, seguindo a avalancha de normas que nos chega. 

O escenario cambia cada pouco.
Non é fácil xestionar nestes momentos. Cada día hai que dedicar un tempo a pensar na pandemia, ademais de seguir mantendo os servizos ordinarios e de intentar facer cousas novas. 

O Incio ten elementos relevantes para propoñer unha ruta complementaria ao Camiño de Santiago

Que ten entre mans?
Do que máis orgulloso estou é do proxecto que se está desenvolvendo en Trascastro dentro do programa de aldeas modelo da Xunta de Galicia. Facilitou a posta en marcha dunha explotación de cría de vacas cachenas.

En que consiste?
De momento é un plan piloto, pero en breve contará con normativa autonómica que o ampare e que permita poñer terras a disposición de quen as precise. É un proxecto innovador e moi necesario para evitar o abandono do medio rural. As parcelas soen ser pequenas e quen necesita espazo para ampliar explotacións ou poñer en marcha actividades soe ter problemas, mesmo para atopar os propietarios das fincas. Hai un conflito permanente pola base territorial e coa normativa das aldeas modelo podería solucionarse porque dá ferramentas para facilitar terra a quen a queira traballar.

E cal é o papel do Concello nisto?
Actuamos de nexo de unión entre os propietarios das terras e a Xunta. Por exemplo, a explotación de cachenas de Trascastro dispón de 14 hectáreas de terreo que antes estaban divididas en 177 parcelas. Estou contento porque, en canto se lles propuxo o proxecto, os veciños dixeron adiante.

Espero que o encoro de Vilasouto poida ser navegable este mesmo ano. A Confederación ten vontade de permitilo

Trascastro é a primeira aldea modelo de Lugo. Haberá máis no Incio? 
De momento temos intención de ampliar o proxecto para recuperar soutos tradicionais nesa zona, máis de 200 hectáreas. Queremos propoñerlles aos propietarios un proxecto de explotación. A castaña é un produto que ten saída e coidar os soutos axuda a conservar a riqueza da paisaxe, do patrimonio e de recursos turísticos como pode ser o sendeirismo. O Incio non ten a sona do Courel, pero si unha riqueza natural semellante. A paisaxe non entende de límites e non se sabe onde acaba un concello e onde empeza o outro.

Entendo que quere mellorar a explotación turística do concello.
Temos unha grande riqueza turística, pero tamén patrimonial e cultural. Por exemplo, no Incio hai elementos relevantes para propoñer unha ruta complementaria ao Camiño de Santiago, para que os peregrinos poidan coñecer algo máis dos lugares polos que pasan. A dous quilómetros da ruta xacobea, en Santa María do Mao, está enterrado o varón apostólico San Eufrasio; en San Pedro Fiz hai quen sitúa un hospital de peregrinos, temos o val do Mao, moi presente na lírica do trovador samonente Martín de Padrozelos; un conxunto de mámoas moi interesante no límite cos concellos de Samos e Sarria, ao pé do castro de Formigueiros... Hai elementos suficientes para propoñer rutas alternativas á xente que busca camiños pouco pisados.

Tiña en proxecto facer navegable o encoro de Vilasouto. Que foi diso?
Espero que se faga realidade este ano. Xa teño falado do tema coa Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e hai vontade de sacalo adiante.

Un motero que quere ir a Londres
Héctor Corujo era funcionario municipal antes que alcalde. Tomar o bastón de mando deulle outra perspectiva do Concello. Di que antes saía ás dúas de traballar e que os venres se despedía ata o luns, pero que como alcalde a dedicación é de 24 horas. "O bastón de mando dá un plus de estrés", afirma.

Afeccións
Gústanlle as motos e ten nelas "unha vía de escape", aínda que confesa que agora pode desfrutar menos desta afección. "Antes facía moitos plans con amigos, pero agora se poido saír unha hora unha tarde xa me dou por satisfeito".

Cuestións pendentes
Leva tempo adiando unha viaxe a Londres en familia. Sabe que agora non é bo momento, pero di que é das primeiras cousas que fará en canto se recupere a mobilidade entre países e sexa seguro viaxar.

Comentarios