O Tapicheo tivo unha gran afluencia de público e esgotou tapas nalgúns negocios

Dos votos dos clientes sairán as seis propostas finalistas, entre as que un xurado elixirá o sábado tres
Clientes en uno de los locales participantes. PORTO
photo_camera Clientes nun dos locais participantes. PORTO

A décimo terceira edición do concurso de tapas Tapicheo de Sarria tivo "moita afluencia" de público, sinalaron desde o goberno local, e incluso houbo negocios que esgotaron os pratos nalgunhas das xornadas.

O certame, organizado polo Concello, botou este domingo o peche logo de cinco días en que centenares de persoas puideron degustar 25 propostas noutros tantos establecementos. O xoves, o venres e o sábado foron os días de maior afluencia. Os pratos podíanse probar de 20.00 a 23.00 horas, pero os clientes atopáronse con que houbo bares que quedaron xa sen existencias entre as 22.15 e as 22.30 horas nalgunhas das xornadas.

Tamén tiveron unha boa acollida as "pequetapas", que ofreceron seis dos negocios e non entran dentro do concurso.

Algúns hostaleiros aseguraron que houbo unha gran afluencia, aínda que consideran que menor que na pasada edición. Non só se achegan persoas de Sarria e a súa contorna, tamén algunhas naturais da zona e que residen en Madrid, País Vasco ou Cataluña, pero que aproveitan esta ponte para achegarse á súa terra, explicaron desde un negocio.

Outro establecemento apuntou que o Tapicheo ten "repercusión", pois persoas que residen noutras zonas de Galicia desprazáronse a Sarria exclusivamente para gozar do concurso. Este atrae "máis que nada a cuadrillas de amigos", indicaron desde outro dos locais.

O Concello prevé recoller este luns as urnas co obxectivo de abrilas este martes para facer o reconto dos votos dos clientes, dos que sairán seis tapas finalistas. Tamén se realizará un sorteo de agasallos entre todos eles. Os que percorreron polo menos dez dos locais optarán a varios obsequios, como oito ceas para dúas persoas ou botellas de bebidas cedidas polos establecementos participantes. Aquelas que degustaron as 25 tapas entrarán no sorteo dun bono regalo para unha viaxe, cortesía dos negocios.

Un xurado profesional degustará o sábado as seis propostas finalistas, tras o que eligirá as tres mellores do concurso.

Doutra banda, o Concello levará a cabo unha reunión cos bares participantes no Tapicheo para valorar esta décimo terceira edición do certame.

Comentarios