Superando barreiras no Camiño

Hervé de Lantivy percorre máis de 1.700 quilómetros da ruta xacobea desde Bretaña tras serlle amputada unha perna por mor dun accidente

Fai preto de tres anos a vida do francés Hervé de Lantivy cambiou por completo ao serlle amputada unha perna por diversas complicacións derivadas dun grave accidente de tráfico. Tras unha longa rehabilitación e unha prótese electrónica, marcouse como obxectivo completar o Camiño de Santiago desde o seu Bretaña natal, o que lle leva a percorrer "máis de 1.700 quilómetros".

O camiñante comezou a súa aventura o pasado 8 de marzo desde a basílica de Sainte Anne d"Auray (o maior lugar de peregrinación da Bretaña) e a pasada semana discorreu pola comarca de Sarria seguindo o seu percorrido ata Santiago de Compostela e, despois, a Fisterra. Hervé de Lantivy explica que tras a amputación quería facer o Camiño para mostrar o seu agradecemento á súa esposa, fillos, o resto da familia e os profesionais médicos, desde coidadores ata enfermeiras, cirurxiáns, rehabilitadores e o especialista protésico. Todos eles apoiárono durante estes dolorosos anos" e "sempre estiveron atentos" á súa evolución.

O seu pesadelo comezou alá polo ano 1987, cando se viu involucrado nun accidente de tráfico no que sufriu "múltiples fracturas" na perna esquerda e se lle seccionó o nervio ciático na cadeira, derivando nunha "parálise completa do pé".

Entre 2011 e 2018 tivo "numerosas" infeccións, que derivaron en múltiples operacións. "Hospitalización tras hospitalización non vin a luz ao final de túnel, polo que tomei a decisión de amputarme a perna, a nivel femoral, en novembro de 2018", relata. Logo dunha "intensiva" rehabilitación e tres prótese, agora conta cunha «electrónica, imitando madeira».

vivir os seus soños. Percorrendo a ruta xacobea non quere completar unha fazaña ou un desafío, senón «demostrar que unha persoa con discapacidade pode vivir normalmente». "A miña prótese non debería impedirme vivir os meus soños", afirma o francés, para quen peregrinar tamén é un "desexo espiritual, que me permite profundar na miña fe cristiá".

Na súa ruta atopouse con algúns problemas, conta, pois, cando levaba case un mes camiñando, Francia iniciou un confinamento. O bretón decidiu continuar, pero tivo "dificultades" para achar aloxamentos, que estaban pechados. A axuda dos demais fixo posible que seguise a súa peregrinación. "Produciuse unha incrible solidariedade grazas á miña páxina de Facebook, "Unha prótese cara a Compostela", e decenas de persoas ofrecéronse a recollerme pola noite para acomodarme e darme unha boa comida", explica moi agradecido.

Tamén tivo algúns problemas na súa perna, como lesións no muñón pola suor e o rozamento da prótese. Estas dificultades manexounas "con filosofía, como calquera outra persoa", apunta o francés, quen camiña uns 20 quilómetros diarios coa axuda dunhas muletas.

Sen peregrinos. A pandemia do coronavirus levou a que nas primeiras semanas andara completamente só. Entre o 8 de marzo e o 20 de abril non se atopou a ningún outro peregrino, unha situación "moi sorprendente", asegura. Tres días antes de chegar a Saint Jean Pied de Port viu os primeiros camiñantes.

Hervé de Lantivy non cruzou a fronteira con España ata o 10 de maio, unha vez que se levantou o estado de alarma. Por iso, para facer tempo, acudiu a Lourdes, por suposto, a pé. Xa en España, a partir de Zubiri, comezou a ver máis peregrinos, para os que é unha «sorpresa" ver ao francés "camiñar con prótese e sobre calquera tipo de terreo". "E sorpréndense máis cando descobren que camiño desde Bretaña", sinala o home, quen afirma que non pasa «desapercibido coa miña perna pata de pau".

Espera poder chegar a Fisterra o vindeiro xoves, coincidindo co seu aniversario. Na localidade coruñesa está previsto que o reciba a súa esposa.

O bretón agradece a acollida que se dá aos peregrinos en España, un país "fermoso e magnífico, cheo de bonitas sorpresas e pobos e cidades con encanto". Irase de España, di, "con moita nostalxia" logo desta aventura, que vive con paixón e superando barreiras quilómetro tras quilómetro.

Comentarios