"Síntome humillado"

Charly cre que se lle faltou ao respecto "como persoa, non como adestrador" coa destitución como preparador da Sarriá, a falta de dúas xornadas para o final do play off de ascenso
Charly sigue un partido. AEP
photo_camera Charly segue un partido. AEP

A Sarriá deu un xiro brusco e inesperado no tramo final da tempada de Autonómica Preferente ao prescindir dos servizos do seu adestradorCarlos Alberto Díaz, Charly, en plena fase de ascenso a Terceira División. O técnico xa non estará no banco no decisivo partido do próximo fin de semana, ante o Boiro, no que os sarriáns se xogan boa parte das súas opcións de seguir vivos na pelexa polo cambio de categoría.

O xa extécnico do equipo sarrián mostrouse decepcionado por todo o sucedido e lamenta a falta de respaldo que sentiu desde hai meses. "Sinto defraudado e humillado, pero non como adestrador, senón como persoa. Foi unha tempada dura, con moito desgaste porque ao principio non se sabía se se xogaba ou non, despois todo foi rápido, pero con paróns. Nunca sentín o respaldo da directiva, sobre todo en cuestións de disciplina interna, e agora bótanme a falta de dúas xornadas para a conclusión do play off, cando aínda tiñamos opcións matemáticas e reais de pelexar polo ascenso. Insisto en que a falta de respecto foi como persoa, non como adestrador, xa que sempre hai que estar preparado para este tipo de cousas", sinalou.

A tempada do club da Ribela estaba a ser moi boa a nivel de resultados. De feito, concluíu na primeira posición do grupo lucense de Preferente, con 21 puntos, catro máis que o segundo, e un balance de seis triunfos, tres empates e unha única derrota, encaixada ademais na última xornada, cando xa tiña asegurada a clasificación para a fase de ascenso. "Teño a conciencia moi tranquila por habelo dado todo e máis desde que me fixen cargo do equipo. Creo que a traxectoria foi moi boa e no partido ante o Lemos apostamos por limpar cartóns e dar minutos a moitos xogadores que non tiveran protagonismo", sinalou.

O arranque do play off deixou unha derrota pola mínima no campo dos Montañeiros e un empate sen goles ante o Sofán. Este foi o último partido de Charly á fronte de equipo, xa que a directiva comunicoulle a súa destitución na noite do luns.

Charly barruntaba que podía pasar algo tras o 0-0 ante o Sofán. "Parecía que sempre había algún problema. Cando gañabamos resulta que encaixabamos moitos goles e despois parece que tiñamos que gañar si ou si a Montañeiros e Sofán", sinalou, deixando ben claro que a pesar de estar "tocado agora mesmo" planea continuar nos bancos.

Jaime Paz soa como recambio no banco

Segundo publica o portal de fútbol provincial futbolinlugo, o nome que máis soa para tomar a substitución de Charly no banco da Sarriá para os dous encontros que restan para a conclusión da tempada é Jaime Paz, un técnico con gran experiencia nas categorías de base, con pasado no CD Lugo e no Deportivo, e que tamén estivo no estranxeiro.

Comentarios