viernes. 28.01.2022 |
El tiempo
viernes. 28.01.2022
El tiempo

A sétima arte chega a Hospital

undefined
Un momento da rodaxe na igrexa de Hospital. EP
Alberto Díaz dirixe A rabia, unha curtametraxe rodada na igrexa de San Pedro Fiz e en paraxes do Courel que narra a historia dunha nena nacida no século XIX nunha aldea lucense

O cineasta natural de Bóveda Alberto Díaz converteu a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, en O Incio, no estudio de rodaxe do seu novo traballo, A rabia, unha curtametraxe que narra os "terribles acontecementos" de Filomena, a bisavoa do propio Díaz que residiu nunha aldea da provincia de Lugo a finais do século XIX. De feito, nesta cinta o espectador deberá tratar de "mirar e ouvir desde os ollos e os oídos dunha nena", apunta o director.

A historia da protagonista, baseada en feitos reais e familiares e "tinguida de pobreza e unha triste sombra de calamidade e tormento", tal e como desvelan desde a produtora Mordisco Films, chegou aos oídos de Alberto Díaz a través dos seus pais e avós, o que implica unha certa distancia, pero non por iso menos implicación. "Este traballo é moi de aquí, moi galego", apunta Alicia Albares, membro do equipo técnico dun proxecto que pode presumir dun elenco de excepción.

Antonio Durán Morris, Xosé Antonio Touriñán, María Vázquez ou os pequenos Zoe e Samu, ademais de seis veciños do Incio que participaron como figurantes, darán vida ao universo de Filomena hai máis dun século para así trasladar a hoxe "non só a historia dunha bisavoa, senón a de moitos outros antepasados".

Para recrear a atmosfera da época, Alberto Díaz recorre ás fotografías de Ruth Matilda Anderson, quen retratou de xeito preciso o rural galego de hai cen anos, e a enclaves como a igrexa de Hospital, peza imprescindible. "Tiñamos outras localizacións, pero esta encantounos polo ben conservada que está, pola paraxe, era perfecta", recoñece Alicia Albares sobre o escenario onde se rodou unha secuencia.

Súmase así á Fundación Uxío Novoneyra, en Parada do Courel, Seceda e a gruta do Val das Mouras, no mesmo municipio, que tamén se poderán ver en pantalla.

Tras cinco días de rodaxe, comeza un proceso que culminará coa distribución da curta A rabia en 2022, "sobre xaneiro ou febreiro", avanza Albares, quen está inmersa no seu último traballo como directora, Mala nai, así como noutros proxectos que xa ten en marcha Mordisco Films.

MICROMECENADO
Más de 5.000 euros de achega
Desde a produtora Mordisco Films puxeron en marcha unha campaña de micromecenado a través dun vídeo de promoción realizado polo propio director e "moita difusión a través de redes sociais", explica Alicia Albares, coa que lograron reunir un total de 5.205 euros, que supón superar o obxectivo que estaba fixado en 5.000 euros, o 10% do financiamento da curta. O orzamento restante correspóndese cos fondos propios da produtora, unha subvención da Axencia Galega das industrias Culturais (Agadic) e outras axudas.

Difusión
O equipo de A rabia prevé mover o filme durante dous anos por varios festivais, tal e como especifican na produtora, a cal está detrás de 13 curtas e dúas longametraxes desde que nacera hai dez anos.

 

A sétima arte chega a Hospital
comentarios