A segunda fase do polígono do Morelle terá máis de 60 parcelas

Unha delas estará destinada a naves niño, segundo o proxecto de urbanización. O documento atópase en exposición pública para que os interesados poidan consultalo e alegar
2020080813573843383
photo_camera A primeira fase do polígono industrial do Morelle. AEP

A segunda fase do polígono industrial do Morelle, en Sarria, terá 66 parcelas. Así se recolle no proxecto de urbanización da actuación, que acaba de sacar a exposición pública o Concello despois de que o 11 de marzo fose aprobado inicialmente pola xunta de goberno.

A segunda fase afecta a unha superficie total de 238.849 metros cadrados e contémplanse parcelas grandes (de 5.000 a 9.000 metros), medianas (de 2.000 a 4.500) e pequenas (de 800 a 2.000). Inclúe unha parcela de algo máis de 13.000 metros para a construción de naves niño.

Tal e como se recolle no proxecto, o acceso á segunda fase realizarase a través de dúas rotondas, situadas na estrada de Sarria a Becerreá (LU-636) e o viario do Morelle a Seteventos (LU-P-5706). Tamén se construirá unha vía de servizo (de dirección única) paralela á LU-636, pola que terán acceso as parcelas grandes. Ademais, crearase un carril bici. No caso da LU-P-5706, a vía reformarase na zona, ampliando a calzada e creando beirarrúas e carril bici, indica.

O orzamento das obras de urbanización interior e conexións exteriores alcanza os 8,6 millóns de euros. Non se inclúen no proxecto as instalacións técnicas e tendidos de redes de subministración, como electricidade, telecomunicacións ou gas.

Os traballos da segunda fase contarán cun prazo de execución de 18 meses. Unha vez que se finalicen todos os trámites administrativos a actuación terá que ser licitada pola Entidade Estatal de Chan, o Sepes, que é un organismo dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana.

O Concello sarrián sacou a información pública o proxecto esta mesma semana e o documento pódese consultar durante un mes nas dependencias municipais e a sede electrónica do Concello. Os interesados poden examinalo e formular as alegacións, suxestións ou reclamacións que consideren oportunas. Posteriormente o documento terá que ser aprobado definitivamente.

Comentarios