Sarricanta grava un disco con temas en galego no seu vixésimo aniversario

O coro sarrián inclúe neste primeiro álbum unha ducia de pezas da música popular
undefined
photo_camera Integrantes do coro, dirixido por Ascensión Romero, este domingo durante a gravación. VILA

O coro Sarricanta está de celebración por un dobre motivo, xa que non só cumpre 20 anos de vida senón que pronto verá feito realidade o seu desexo de ter o seu propio disco. A casa da cultura de Sarria acolleu este domingo a gravación deste primeiro álbum da agrupación musical que dirixe Ascensión Romero, do cal formarán parte unha ducia de temas en galego.

Arturo Vaquero, de Abrigueiro Estudos, encárgase da produción do disco, financiado cunha axuda da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta.

A pandemia do coronavirus atrasou este proxecto de Sarricanta, pero chega nun momento que coincide co vixésimo aniversario da fundación do coro e co Ano Santo compostelán.

Segundo explica Ascensión Romero, o disco estará formado por unha ducia de temas da música popular galega, entre os que se contan títulos como Meu amor é mariñeiro, O mar enrola na area ou Chorima. Os integrantes do coro aproveitan tamén esta ocasión para gravar Vento do norte, que non se incluirá neste traballo senón que se difundirá por redes sociais e outras canles.

A selección de temas foi complicada polo amplo repertorio que manexa Sarricanta e pola súa pretensión de querer "innovar un pouco", aínda que finalmente o que máis pesou á hora de incluír un ou outro tema foron as preferencias musicais do coro, que confía en ver editado este primeiro disco dentro deste mesmo ano.

Tras as limitacións impostas pola pandemia, os membros de Sarricanta están a retomar aos poucos os ensaios e tamén as actuacións

Unha vintena de persoas participaron este domingo na gravación destas pezas, nas cales as voces masculinas e femininas acompáñanse do acordeón que toca Ascensión Romero e tamén da música de gaita, bombardino, saxofón e percusión tradicional.

"Estamos moi ilusionados con este disco porque é o traballo de 20 anos", afirma a directora, quen só lamenta "que non poida estar toda a xente" que formou parte do coro desde a súa creación.

Foi en 2001 cando se fundou a agrupación musical Sarricanta, baixo a batuta desta profesional da música. Apenas uns anos despois constituíuse a asociación cultural do mesmo nome, que preside Elvira Pallares. "O coro é a alma máter da asociación", apunta Romero, quen tamén fai arranxos musicais.

Tras a pandemia do coronavirus, os membros de Sarricanta están a retomar aos poucos os ensaios e tamén as actuacións. A súa interpretación é demandada para amenizar celebracións como vodas, bautizos ou festas patronais, ademais de ofrecer concertos en Sarria en datas sinaladas como Nadal, Semana Santa ou o Día das Letras Galegas.

Grazas ao seu bo facer son xa varias as localidades que requiren a súa presenza ano tras ano, nunhas actuacións nas cales a público pregunta por un disco que agora por fin terán.

Comentarios