Sarria e Triacastela entran na xunta da asociación nacional do Camiño

Reyes Abella e Olga Iglesias serán, respectivamente, secretaria e vogal deste colectivo
La nueva directiva fue elegida en una asamblea en Logroño. EP
photo_camera La nueva directiva fue elegida en una asamblea en Logroño. EP

Os concellos de Sarria e Triacastela formarán parte da nova xunta directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), un colectivo a nivel estatal que agrupa preto de cen concellos polos que discorre o Camiño Francés. A concelleira sarriá de cultura e Camiño de Santiago, Reyes Abella, exercerá como secretaria desta entidade mentres que a alcaldesa de Triacastela, Olga Iglesias, ocupará o posto de vogal.

A elección produciuse este venres durante unha asemblea en Logroño, cuxo rexedor, Pablo Hermoso de Mendoza, foi proclamado presidente da asociación, cargo no que substitúe o seu homólogo de León, José Antonio Díez.

A AMCS foi fundada en Burgos no ano 2015 como unha entidade sen ánimo de lucro e co obxectivo de establecer relacións de cooperación entre todos os municipios do Camiño Francés de cara á protección e promoción.

Da xunta saínte formaban parte os alcaldes de Paradela e Portomarín, José Manuel Mato e Juan Serrano, respectivamente. Tras a asemblea deste venres, entran Sarria e Triacastela, únicos representantes galegos na directiva xunto con Santiago, membro permanente pola súa importancia esencial no Camiño.

Os concellos da AMCS, que presidirá o alcalde de Logroño, cooperan na protección e promoción do Camiño Francés

Tanto Reyes Abella como Olga Iglesias mostraron a súa satisfacción polo nomeamento e a súa disposición a traballar a favor da ruta. No caso de Sarria, a edila recordou que se trata do principal municipio galego do Camiño logo de Santiago, de aí o feito de contar cunha concellaría dedicada a esta área e a conveniencia de ter representación neste tipo de organismos. Para Iglesias, "merece a pena" incorporar á directiva un concello como Triacastela, con poucos habitantes pero gran tradición xacobea. "Aí estaremos defendendo a zona", dixo.

O mandato da nova xunta será por un período de dous anos, nos que ten por diante obxectivos como poñer en marcha o plan director do Camiño, un programa de formación e manual de boas prácticas para axentes turísticos e unha campaña de seguridade. Tamén esperan que nos orzamentos do Estado se cree unha liña para obras menores para os municipios da ruta xacobea.

Na asemblea do venres participaron 60 concellos, tres deles como oíntes. Na directiva estarán tamén Villafranca del Bierzo e San Andrés de Rabanedo (León), Frómista (Palencia), Belorado (Burgos), Nájera (A Rioxa), Sangüesa e Pamplona (Navarra) e Castiello de Jaca e Artieda-Mianos (Aragón). Con voz, pero sen voto, permanecerán Jaca e Castrojeriz.

Comentarios