Sarria, Samos e O Incio únense para pór en valor a necrópole de Santa Mariña

Proxectan recuperar as mámoas e o castro de Formigueiros

Generated by  IJG JPEG Library
photo_camera Os alcaldes do Incio, Sarria e Samos no castro de Formigueiros. EP

Os concellos do Incio, Samos e Sarria unen as súas forzas para recuperar e pór en valor a necrópole de Santa Mariña, que é Ben de Interese Cultural (BIC), e o castro de Formigueiros.

Os alcaldes —Héctor Corujo (O Incio), Claudio Garrido (Sarria) e Julio Gallego (Samos)— mantiveron na mañá de este sábado unha primeira reunión sobre o proxecto, visitando os dous bens. Está previsto que a próxima semana celebren un novo encontro co fin de elaborar un programa de actuacións, para o que solicitarán o apoio doutras administracións (Xunta de Galicia e Deputación Provincial de Lugo).

A necrópole de Santa Mariña sitúase no límite dos tres concellos e é BIC desde 2006. Están identificadas máis de 40 formacións, no seu maior parte monumentos tumulares ou sepulcros megalíticos. Atópanse rodeadas de maleza, polo que non son visitables. O seu estado xa provocou hai anos as queixas da comunidade de montes.

Pola súa banda, o castro de Formigueiros levántase no municipio de Samos, aínda que xunto ao límite dos tres concellos. Neste caso realizáronse campos de traballo fai máis dunha década e as últimas actuacións foron executadas pola administración autonómica en 2018. O xacemento conta con cinco construcións totalmente escavadas e nas campañas foron localizados tamén outros vestixios.

Os tres alcaldes coinciden en que a recuperación dos dous bens débese facer en conxunto, non individualmente. O rexedor do Incio, Héctor Corujo, considera que é "unha oportunidade desaproveitada" non pór antes en valor os xacementos. O samonense Julio Gallego lamenta tamén que non se deron a coñecer "estes interesantes bens", que "dan auxe á comarca". Coa crise sanitaria o turismo "cambiou" e apóstase máis polos pobos, polo que é unha oportunidade, opina. O castro e a necrópole son un "valor turístico engadido", apunta o sarrián Claudio Garrido.

Comentarios