A Sarria non lle saen as contas

A ausencia de orzamentos municipais desde 2015 é síntoma dunha administración local marcada desde hai anos pola falta de acordos políticos e os problemas de xestión
La corporación actual de Sarria, durante un pleno presencial este mandato. AEP
photo_camera A corporación actual de Sarria, durante un pleno presencial este mandato. AEP

O Concello de Sarria funciona desde hai xa seis anos con orzamentos prorrogados, unha situación excepcional que non só xera problemas de seu, senón que deixa entrever outras deficiencias como a ausencia de consenso político ou unha xestión mellorable.

Os últimos, con maioría

Os últimos orzamentos municipais aprobados en Sarria datan de 2015, co popular José Antonio García, que tiña maioría absoluta por aquel entón.

Durante o seguinte mandato, coa socialista Pilar López na alcaldía e en coalición co BNG, non chegou a presentarse ao pleno en catro anos ningunha proposta de contas que, doutra banda, tería complicado saír adiante cun goberno en minoría, sen man esquerda para negociar e nunha lexislatura moi convulsa, na que dúas dos concelleiros que comezaron formando o executivo acabaron na oposición.

En 2019, co regreso á alcaldía do exsocialista Claudio Garrido, Camiña Sarria e Galicia Sempre marcáronse como prioridade uns novos orzamentos. Pero, co exercicio económico xa avanzado e tras as modificacións de crédito levadas ao último pleno, todo indica que terán que esperar polo menos ata 2022.

Os problemas que carrexa

A ausencia de orzamentos non só impide ao goberno planificar a súa estratexia senón que carrexa unha serie de problemas de xestión. Obviamente, a situación de Sarria e de calquera outro concello non é a mesma hoxe en día que en 2015. Un exemplo son as partidas destinadas no orzamento a sufragar os gastos eléctricos, que se quedaron obsoletas co paso dos anos. De igual modo, ao non actualizarse o cadro de persoal, a creación de calquera praza nova que precise a administración local para prestar un adecuado servizo levará unha tramitación tan complexa como o propio orzamento.

Tamén ven afectadas as asociacións deportivas ou outras entidades que esperan por axudas municipais pendentes de xerar consignación ou os provedores que cobrarán con maior atraso. Todo iso a maiores do capítulo de investimentos, que adoece de fondos para acometer obras.

Como se vai liquidando

A ausencia duns orzamentos actualizados obriga a realizar frecuentes modificacións de crédito, cunha tramitación que se dilata no tempo. Mentres un Concello con proxecto económico ao día pode executar actuacións nos primeiros meses do ano, outro que non o teña deberá esperar á incorporación dos remanentes de tesourería, se os hai, que normalmente se fai en maio.

Foi o sucedido en Sarria hai só uns días, cando o pleno autorizou modificacións de crédito con cargo a estes remanentes por case catro millóns. Deste xeito, librou fondos para poder pagar a provedores, financiar servizos como a axuda no fogar -que xa tiña o crédito esgotado- ou acometer investimentos. Estas operacións serán as que permitan, por exemplo, habilitar partidas para reabrir a piscina climatizada, asfaltar o tramo de Calvo Sotelo desde A Ciguñeira ata a saída cara a Samos, pagar a ampliación do cemiterio ou renovar a cuberta da residencia.

Por outra banda, os fondos do plan único da Deputación, polo cal lle corresponden a Sarria medio millón de euros, alivian eses problemas.

As dificultades técnicas

A elaboración duns orzamentos non é tarefa sinxela e require tamén dun importante traballo técnico. No caso de Sarria, durante o anterior mandato houbo un baile de interventores que en nada beneficiou a este labor.

A titular da praza, agora de regreso, foise naquel momento a Lugo en comisión de servizo cominada pola exalcaldesa e foron varios os funcionarios que ocuparon o posto, nalgún caso exercendo neste concello só uns días á semana. A elaboración dun novo orzamento tópase co inconveniente engadido dunhas ordenanzas fiscais que levan unha década sen actualizar.

Os obstáculos políticos

Cun goberno en minoría, a aprobación duns orzamentos require de acordos políticos, algo que en Sarria resulta historicamente complicado.

Ademais, neste mandato, dáse a peculiar circunstancia de coincidir no salón de plenos as tres persoas que ocuparon a alcaldía durante os últimos 20 anos (Claudio Garrido, José Antonio García e Pilar López), todos eles con contas pendentes entre si no ámbito persoal.

A priori, calquera apoio a uns orzamentos de Camiña Sarria por parte de PP e PSOE parece ciencia ficción. Pero aquí xogan tamén as diferenzas no seo dos socialistas. Mentres o grupo municipal deste partido, encabezado por López, móstrase moi afastado dos posicionamentos do goberno, a agrupación local, afín á dirección provincial e con José Manuel López Torre como secretario, fixo pública xa o pasado ano a súa predisposición a colaborar na elaboración duns orzamentos e, hai só uns días, anunciou un acordo co equipo de Garrido para incluír varias propostas súas nas modificacións de crédito levadas ao último pleno.

Os posibles alternativas

Non resulta desatinado pensar nun hipotético apoio do BNG a uns futuros orzamentos, a condición de que contemplen medidas que leven o selo dos nacionalistas. Aí está o precedente do último pleno, no cal este partido votou a favor dunha das modificacións de crédito (no resto abstívose) ao incluír unha partida de 150.000 euros para un plan de apoio ao comercio local, froito dun acordo do grupo de Efrén Castro co goberno.

No que vai de mandato, o apoio dos nacionalistas foi decisivo en varias ocasións para aprobar propostas do goberno que, pola contra, quedarían no tinteiro. Pero o BNG tamén vota en ocasións co resto da oposición, polo que a súa postura dependerá en gran medida das negociacións que se establezan no seu caso.

Se non houbese quorum suficiente, o alcalde xa manifestou a súa intención de expor unha moción de confianza para poder sacar adiante unha proposta económica, un recurso que activaron en varias ocasións outros rexedores como o monfortino José Tomei cando gobernaba sen maioría.

Comentarios