Sarria pagou varios anos a luz de dúas instalacións que non eran súas

O Concello abonou a subministración da planta de Sogama do Morelle e dunha nave
La miniplanta de Sogama en Morelle. AEP
photo_camera A miniplanta de Sogama en Morelle. AEP

O Concello de Sarria pagou durante os últimos anos a subministración eléctrica de dúas instalacións que xa non eran súas, polo que na xunta de goberno local acordou reclamalo aos propietarios. A contía está aínda por calcular.

Abonou a luz da miniplanta de Sogama do polígono de O Morelle e dunha nave que tivera antes alugada, indicou o alcalde, Claudio Garrido.

No caso da miniplanta, no ano 2000 o Concello asinou un convenio con Sogama polo que a administración local custeaba o persoal e o mantemento. En xullo de 2014 Sogama pasou a facerse cargo destes gastos, aínda que non se deu de baixa a subministración eléctrica e continuou pagándoo o Concello.

Ao ter constancia diso o Concello reclamou a Sogama que cambiase a titularidade, o que se fixo efectivo o pasado día 1. Ademais, acordou esixirlle o pago de todos os recibos correspondentes a estes máis de seis anos.

A administración tamén descubriu que viña pagando a subministración dunha nave que tivera alugada en A Pontevella. Estas instalacións abandonounas en marzo de 2016, sinalou, pero a luz seguía a nome do Concello e continuou abonándoa ata o pasado febreiro. O Concello reclamará tamén á empresa da nave as contías pagas. O alcalde afirmou que o feito de que o Concello abonase estes recibos foi pola "mala xestión".

Doutra banda, na xunta de goberno tamén se deu conta dunha sentenza do xulgado do contencioso-administrativo de Lugo, pola que obriga ao Concello a dar unha prórroga a unha promotora para as obras de construción de catro vivendas. Os traballos estiveron paralizados e o Concello procedeu á caducidade da licenza de obra. O tribunal estima que a actuación do Concello é correcta, pero que debe conceder a prórroga debido ás circunstancias económicas e que se trata dunha obra bastante avanzada, explicou o rexedor.