Sarria incentiva a recollida porta a porta de cartóns nos comercios

O Concello puxo en marcha unha campaña para fomentar a reciclaxe destes restos, que levará un camión os martes de cada semana
Un dos novos colectores de papel e cartón instalados polo Concello na localidade. VILA
photo_camera Un dos novos colectores de papel e cartón instalados polo Concello na localidade. VILA
O Concello de Sarria puxo en marcha unha campaña para incentivar a recollida porta a porta de cartóns nos comercios da vila.

Segundo explicou o edil de sostibilidade ambiental, Pedro López Quiroga, trátase dun servizo que se oferta dende hai tempo pero que estaba a ter pouco uso, polo que se iniciaron contactos cos establecementos e coa Asociación de Comerciantes e Empresarios para darlle un impulso. Tamén se publicitará a través da web oficial e das redes sociais do Concello para que se unan máis negocios.

A empresa Cespa realiza esta recollida selectiva de papel e cartón xerado coa actividade comercial os martes da cada semana, pasando polas tendas que deixen as embalaxes diante da porta de dez a once da mañá e enviándoas directamente a reciclar.

Dende a concellaría animan aos comerciantes a adherirse cubrindo o impreso de solicitude que está dispoñible na páxina web e entregándoo nas oficinas municipais. Segundo López Quiroga, a campaña está a ter moi boa acollida nas tendas. O obxectivo é "reciclar cada vez máis e evitar a sobrecarga dos colectores de cartón, para que non se enchan tan rápido e queden máis para uso particular".

Ao mesmo tempo, o Concello está instalando en distintos puntos da vila unha remesa de colectores para envases de papel, cartón, periódicos e revistas, conseguidos a través de Ecoembes e a Xunta.

O responsable municipal de medio ambiente sinalou tamén que a recollida de envases lixeiros aumentou a dous días á semana e avanzou que a intención do goberno é licitar o antes posible o novo contrato do lixo, que incluirá a reciclaxe de material orgánico.

Estas medidas súmanse ao reparto de 50 composteiros que facilita Sogama e que serán adxudicados aos primeiros veciños que se anoten no Concello.

Comentarios