Sarria dedicará 150.000 euros a un plan de apoio ao comercio local

A iniciativa, froito dun acordo entre BNG e goberno, pretende incentivar o consumo mediante un sistema de bonos ou moedas
undefined
photo_camera O bulevar da rúa Calvo Sotelo converteuse na principal zona comercial de Sarria. ARQUIVO

O Concello de Sarria porá en marcha unha campaña de apoio ao comercio local dotada con 150.000 euros e froito dun acordo entre o grupo de goberno e o BNG. O obxectivo é incentivar as compras nas tendas de proximidade mediante un sistema de cambio de moedas ou bonos dirixidos aos consumidores e que permitirán mobilizar ata o triplo do desembolso inicial.

O pleno somete este xoves a votación varias modificacións de crédito, unha delas para financiar esta campaña. O pasado ano, Camiña Sarria, Galicia Sempre e BNG xa pactaran dedicar 50.000 euros ao impulso do comercio, pero aquel proxecto non chegou a executarse, segundo o goberno, por problemas administrativos.

"Despois dese acordo frustrado, dende o BNG seguimos traballando e conseguimos chegar a outro acordo que multiplica por tres o investimento municipal", sinala o portavoz nacionalista, Efrén Castro. Segundo avanza, a campaña seguirá un modelo similar ao de concellos como Ribadeo, cun sistema de cambio de moedas ou bonos que "converten 20 euros achegados polo comprador en 30 para gastar". As contías non están definidas, pero irán nesta liña, de modo que ao investimento municipal súmase o dos clientes e iso co fin de activar un sector "moi danado" pola crise.

Unha vez aprobada a partida, elaboraranse as bases e acordarase cos comerciantes as datas da campaña. Tamén está previsto que os bonos se canalicen a través dunha entidade bancaria.

Castro confía no éxito desta iniciativa. "Trátase dunha medida que lle vai dar pulo ao comercio local nun momento difícil. Dende o BNG utilizamos a nosa presenza nas institucións para facer propostas en positivo", di. Pola súa banda, o alcalde, Claudio Garrido, non descarta ampliar a campaña en función da acollida.

Comentarios