A Sarriana organiza un torneo en memoria do mozo Pedro López Canoa

O campionato, que será en xuño, recordará ao exxogador falecido en novembro nun atropelo en Costa Rica

Pedro López Canoa. EP
photo_camera Pedro López Canoa. EP

A SD Sarriana organizará o próximo mes de xuño un torneo de fútbol oito co que homenaxeará ao mozo Pedro López Canoa, quen faleceu o pasado novembro nun atropelo en Costa Rica.

Trátase da quinta edición da competición, aínda que este ano dedícase ao sarrián. Pedro López integrou as categorías inferiores da entidade deportiva durante seis anos, formando parte dos equipos de infantil, cadete e xuvenil.

O torneo desenvolverase os días 1 e 2 de xuño e poderán participar conxuntos de prebenxamín, benxamín, alevín e infantil. Ademais, na tarde do 31 de maio realizarase un encontro na categoría biberón. O campionato terá lugar no estadio municipal de Ribela de Sarria.

Estas instalacións deportivas xa acolleron hai pouco máis dun mes outra homenaxe ao mozo Pedro López Canoa. A súa familia realizou o saque de honra dun partido de fútbol e a Sarriana fíxolle entrega dunha camiseta do club co número co que xogaba o mozo, o nove, e co seu nome. Ademais, gardouse un minuto de silencio en recordo do exfutbolista, quen morreu o 16 de novembro ao ser atropelado por un turismo en San José. Nesta cidade o sarrián cursaba Medicina.

Comentarios