Santa Cruz do Incio, xoia do patrimonio moderno

A igrexa parroquial, construída nos anos 60, constitúe un exemplo "paradigmático" da arquitectura de José Luis Fernández del Amo 
Igrexa de Santa Cruz. VILA
photo_camera Igrexa de Santa Cruz. VILA

O 28 de xullo do 1963 inaugurouse a nova igrexa parroquial de Santa Cruz do Incio, unha obra do recoñecido arquitecto madrileño José Luis Fernández del Amo que acabaría por converterse en todo un exemplo do Movemento Moderno en Galicia e que hoxe está un pouco máis preto de ser declarada Ben de Interese Cultural (BIC) con protección integral.

A Consellería de Cultura e Turismo tramita este recoñecemento para un edificio que destaca pola "calidade excepcional" da súa arquitectura e por conter un conxunto "moi notable" de pezas artísticas deseñadas especificamente para este templo, como as vidreiras, o sagrario, a pía bautismal, a talla da Virxe ou o altar.

A construción da igrexa foi impulsada polo párroco daquel momento, Argimiro López Ríos, e un grupo de veciños, que constituíron unha comisión para recadar os fondos necesarios.

Cun custo dunhas 600.000 pesetas, o deseño encargouse a Fernández del Amo, quen exercera como director durante varios anos do Museo de Arte Contemporánea (xerme do actual Reina Sofía) e cuxo traballo era obxecto de admiración por parte do sacerdote.

A do Incio foi a primeira das catro igrexas proxectadas en Galicia por este premiado arquitecto (seguida de San Antonio de Padua en Lugo, Santa Mariña en Chantada e Santa María en Baio) e, segundo a documentación que manexa Cultura, era tamén da que se sentía "máis satisfeito", tanto pola "singularidade do encargo" como polo maior control que puido realizar no proceso de construción.

De feito, está considerada un "exemplo paradigmático", non só do seu creador, senón tamén "das obras conservadas no contexto cultural do Movemento Moderno en Galicia e en España".

Ademais de ocuparse do proxecto, Fernández del Amo deseñou algúns dos elementos singulares do interior da igrexa, como os 24 bancos construídos por un carpinteiro local, os confesionarios ou a pía bautismal que ocupa o centro xeométrico do baptisterio.

No templo poden verse outras pezas realizadas por artesáns do Incio xunto con traballos de artistas como José Luis Sánchez Fernández Pepus ou José Luis Gómez Perales. Da autoría deste último son, entre outras, as vidreiras, de valor "excepcional". Pola súa banda, o escultor Sánchez Fernández firmou obras como a figura cerámica da Virxe de Santa Cruz, o altar principal ou o sagrario.

Trátase dun conxunto "moi notable de pezas" que "se integran perfectamente na propia igrexa", de aí que o expediente para a declaración BIC inclúa a catalogación desta serie de bens.

Entre as particulares do templo atópase tamén o pasamáns do coro, o lintel de mármore da porta da sancristía coa inscrición "Ave María", as carpinterías con ferraxes de forxa, o armario do baptisterio e o remate da torre.

Para a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, Santa Cruz do Incio posúe uns valores "excepcionais" e dunha "intensidade infrecuente" no conxunto do patrimonio moderno de Galicia. "Ademais, esta pequena igrexa amosa notables valores morais que explican que con medios materiais modestos foi posible acadar resultados de alta calidade".

ZONA RURAL. Outro dos seus puntos fortes é a localización nun ámbito rural, "algo infrecuente para a arquitectura moderna, e responde ao intento de conciliar a novidade da súa linguaxe, ao comezo da década dos 60 do pasado século, coa tradición do lugar, e logra manter a harmonía coas construcións rústicas da contorna".

Este edificio, recentemente sometido a obras de rehabilitación por importe de 130.000 euros dirixidas principalmente a evitar filtracións no inmoble, destaca asemade pola súa torre e polo emprego na súa construción de materiais procedentes da zona.

Situada nas proximidades doutro elemento patrimonial como é a igrexa de San Pedro Fiz de Hospital, a súa fachada principal oriéntase cara á Praza de España e nun lateral atópase o lugar coñecido como Feira dos Porcos, que terá que manterse arborado para preservar a contorna.

A proposta de recoñecemento como BIC coa categoría de monumento conta co ditame favorable da Real Academia de Belas Artes Nosa Señora do Rosario, o Consello da Cultura Galega, e a Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

Esta declaración deberá estar resolta no prazo máximo de dous anos pero, dende o mesmo momento de incoación do procedemento (o pasado mes de xuño), xa se aplica de xeito inmediato e provisional un réxime de protección integral para este templo.

Comentarios