Sanidade recomenda non bañarse nas augas da praia fluvial da Pobra

O Concello coloca carteis e pedirá máis analíticas para coñecer a orixe da bacteria que desaconsella o uso temporalmente
Carteles instalados. EP
photo_camera Carteis instalados. EP

O Concello de Láncara instalou carteis informativos na praia fluvial da Pobra de San Xiao nos que recomenda non bañarse nas augas do río ao seu paso por esta zona seguindo así as indicacións da Consellería de Sanidade, explicou o alcalde, Darío Piñeiro.

Segundo sinalou, este departamento comunicou ao Concello que se desaconsella o baño debido a unha contaminación temporal da auga por presenza de enterococos intestinais e/ou escherichia coli.

O rexedor anunciou que desde o Concello solicitarán á Xunta que realice máis analíticas noutros puntos do río para poder determinar a orixe do problema. Recordou que a praia fluvial da Pobra aínda non se atopa aberta ao público para a tempada de verán, confiou en que a situación se regularice e aclarou que o baño non está prohibido, senón desaconsellado.

O concelleiro do BNG en Láncara, Iago Bande, fíxose eco desta contaminación temporal a través das redes sociais, onde expuxo que non é a primeira vez que se instalan estes carteis na praia fluvial da Pobra, á vez que pediu ao Concello que tome medidas. O rexedor, pola súa banda, cualificou de mezquino «» que culpabilice á súa persoa dunha situación externa.

Comentarios