A Feira de San Isidro de Sarria terá poxa de frisoas, doma de cabalos e cetrería

A feira, que será os días 28 e 29, inclúe un desfile de gando polo Camiño, na Rúa Maior
Subasta de ganado en una edición anterior de la Feira de San Isidro de Sarria. AEP
photo_camera Subasta de ganado en una edición anterior de la Feira de San Isidro de Sarria. AEP

O sector agrogandeiro será o protagonista en Sarria os próximos días 28 e 29 coa celebración da Feira de San Isidro, que se retoma tras o parón de dous anos obrigado polo covid cun amplo programa no que haberá desde poxa de gando frisón ata exhibición de doma de cabalos, exposición de maquinaria, cetrería ou desfile de reses pola Rúa Maior, corazón do Camiño de Santiago ao seu paso pola vila.

A trixésimo segunda edición do San Isidro, organizado polo Concello de Sarria, abrirá as súas portas o día 28, ás nove da mañá no campo da feira, onde unha decena de empresas mostrarán maquinaria agrícola.

Na nave do mercado gandeiro haberá exposición de novillas frisoas, cabalos de Pura Raza Galega, Porco Celta ou Galiña de Mos, e no exterior instalarase unha carpa na cal se porán á venda produtos agroalimentarios e de artesanía.

O alcalde de Sarria animou a veciños e visitantes a participar nunha feira que busca recoñecer e enxalzar a importancia das actividades vinculadas ao campo

O público tamén poderá visitar os bonsáis da asociación O Serbal e asistir a unha demostración de cerámica a cargo do especialista Manuel Fernández, "Lolo".

Ás 12.00 horas dará comezo a poxa de gando frisón de Africor. "Na comarca de Sarria temos as mellores explotacións lácteas de Galicia", destacou o alcalde, Claudio Garrido.

Poxaranse 20 novillas adaptadas aos sistemas de produción da zona, con genealogía avalada, información completa da súa familia e condicións sanitarias contrastadas no Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia en Lugo. Na última edición desta poxa, celebrada no ano 2019, unha das reses alcanzou o prezo de 2.600 euros.

No recinto feiral colocaranse pulperías para a comida e, ás cinco da tarde, terá lugar unha exhibición de strong <>exercicios de doma de alta escola a cargo da asociación equina Pura Raza Galega.

Os actos continuarán o día 29 coa tradicional compravenda de gando a partir das oito da mañá. ás 12.00 horas, celebrarase un desfile de reses e carros pola Rúa Maior, seguindo o trazado do Camiño de Santiago ata chegar ao campo da feira.

"Desta forma queremos conxugar e plasmar dous valores e dúas realidades de Sarria como son o seu potencial agrogandeiro e esa capitalidade non oficial do Camiño Francés", explicou Garrido, quen asegurou que este desfile pola ruta xacobea "será un dos eventos festivos a potenciar no futuro".

O programa do día 29 inclúe, ademais, unha exhibición de cetrería de Falcóns Galicia, que ofrecerá dous pases, un deles ás 13.00 horas e outro ás 18.30.

O alcalde de Sarria animou a veciños e visitantes a participar nos actos da festividade de San Isidro, que teñen como fin recoñecer e enxalzar a importancia neste municipio de todas as actividades vinculadas ao campo.

"É unha festa para o mundo agrogandeiro, para exaltar os seus valores e os seus produtos", afirmou Garrido, quen citou a Avelino Pousa Antelo para ratificar que "a feira é o casino do pobo".

Comentarios