Samos acollerá por primeira vez en verán un campo de voluntariado

Os participantes farán dende unha audioguía do concello ata un programa de podcasts
Mozos e mozas participantes no campo de voluntariado celebrado no 2021 en Triacastela. AEP
photo_camera Mozos e mozas participantes no campo de voluntariado celebrado no 2021 en Triacastela. AEP

O concello de Samos acollerá este verán por primeira vez un campo de voluntariado da Xunta, formado por 15 mozos e mozas que entre os días 1 e 12 de agosto desenvolverán actividades como un programa de podcasts ou a creación dunha audioguía sobre o mosteiro beneditino e outros lugares de interese dun municipio con forte presenza do Camiño.

Esta iniciativa, solicitada polo Concello samanense e proxectada pola empresa local Vida Láctea, é a principal novidade na provincia de Lugo dos campos que pón en marcha a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado co obxectivo de "favorecer e fomentar a convivencia, a participación, a tolerancia e a solidariedade entre a mocidade e a súa contorna a través da colaboración desinteresada e voluntaria en traballos diversos".

Segundo avanza, no caso de Samos os rapaces e rapazas, de entre 18 e 30 anos e procedentes do ámbito estatal, desenvolverán tarefas "de dinamización" na abadía, así como un labor "medioambiental" na contorna do Camiño de Santiago ao seu paso por este concello.

Serán doce días nos que farán vida na localidade, combinando o traballo co coñecemento da zona, actividades na ruta xacobea e outras de deporte e ocio.

A finalidade é que usen as novas tecnoloxías para difundir a riqueza deste municipio e do Camiño. Así, ademais de preparar a audioguía, está previsto que fagan un programa de podcasts en directo polas mañás na praza do Concello, utilizando un equipo profesional, ou a gravación das distintas­ parroquias a vista de dron.

Os voluntarios executarán tamén labores de acondicionamento e limpieza de sendeiros na contorna do Camiño de Santiago e contribuirán a crear unha imaxe de marca de Samos aportando a súa visión e ideas.

Asemade, farán actividades de lecer para descubrir o municipio, percorridos pola ruta xacobea, excursións ou deportes como kayak no río sempre que sexa posible.

Tal e como explica o director de Vida Láctea, Xosé Luis Garza, a convivencia é unha parte moi importante destes campos de voluntariado, que non só serven para traballar e divertirse, senón que constitúen tamén un proceso «educativo» e, en moitos casos, "madurativo". Trátase, en definitiva, de que os participantes, que soen ter perfís moi diversos, "interactúen entre eles e coas xentes do lugar", resume.

A inscrición pode realizarse dende mañá mesmo a través da web xuventude.xunta.es. A cuota é de 110 euros, que se reducen a 82,50 no caso de acollerse a algún dos descontos establecidos.

O campo de Samos, que será o primeiro na comarca despois dos celebrados en anos recentes en Triacastela, nace con vocación de continuidade dado o interese deste concello a nivel histórico, patrimonial e natural.

Comentarios