O samonense Luís Celeiro recibirá o título de Valedor do Camiño

A Asociación de Comerciantes e Artesáns do municipio concederalle a distinción o día 19 durante un acto na abadía benedictina
undefined
photo_camera Luís Celeiro, segundo pola esquerda, durante o seu ingreso o pasado ano na Academia Xacobea. ARQUIVO

O xornalista, escritor e profesor samonense Luís Celeiro Álvarez será nomeado Valedor do Camiño polo seu traballo a favor da ruta xacobea en distintos ámbitos. Esta distinción, outorgada pola Asociación de Comerciantes e Artesáns de Samos, seralle entregada durante un acto que se celebrará o día 19 na abadía benedictina.

A concesión deste título pretende recoñecer "os méritos de Luís Celeiro como estudoso, promotor e divulgador dos valores do Camiño". "É a primeira vez que damos esta distinción e con ela queremos premiar este veciño, natural de Freixo, pola súa traxectoria e vinculación coa ruta", explica José Fernández, presidente da asociación, quen sinala que Celeiro "participou non Xacobeo 93 e escribiu un libro sobre Elías Valiña", traducido tamén ao italiano. Ademais, comenta que o homenaxeado foi o primeiro pregoeiro da Feira de Artesanía de Samos, celebrada naquel 1993.

Celeiro móstrase "moi agradecido" por un recoñecemento que parte dos seus veciños e que premia "un traballo de todos". O xornalista define a ruta xacobea como "a primeira rede asistencial de Europa" e avoga por recuperar "eses valores de solidariedade, compañeirismo, diálogo e comunicación", á vez que se refire ao Camiño como "un lugar e un espazo seguro" nestes tempos.

Tras recordar que 1993 "foi o ano do impulso, do lanzamento e da renovación", opina que o próximo 2021 "tamén será un bo ano para o Camiño" e contribuirá a mellorar unha crise que, segundo apunta, "non é só económica".

"Desexo que sexa un Xacobeo de éxito e dos mellores. Galicia volve estar moi necesitada de plans de dinamización e desenvolvemento e moito máis a nosa zona, que precisa un impulso", afirma Celeiro, para quen este debe ser un obxectivo común de administracións, colectivos e particulares.

Comentarios