Rouban de madrugada a recadación do comecartos dun bar de Sarria

Os asaltantes forzaron a porta tras subir lixeiramente a persiana ► Unha persoa que pasaba polo lugar alertou á Garda Civil

Un establecemento de hostalería da Rúa Calvo Sotelo de Sarria foi vítima dos ladróns na madrugada deste venres, cando roubaron a recadación do comecartos. O asalto produciuse sobre as cinco e media da madrugada, cando os delincuentes accederon ao bar forzando a porta. Esta atópase protexida por unha persiana que os ladróns subiron lixeiramente, polo que probablemente tiveron que entrar ao local arrastrándose.

Unha vez no interior do establecemento forzaron o comecartos e levaron a recadación. Os propietarios do bar descoñecen a contía coa que se puideron facer. Xunto a esta atópase unha máquina de tabaco que tamén intentaron abrir, pero non o lograron, explicou a dona do negocio. Tampouco tiveron éxito á hora de forzar unha máquina de apostas.

Unha persoa que pasaba polo lugar decatouse de que algo ocorría no establecemento, polo que rapidamente alertou á Garda Civil. Ao advertir de que alguén os viu os ladróns fuxiron, antes da chegada das forzas de seguridade. Isto levou a que os delincuentes apenas estivesen tempo no local, o que impediu que lograsen forzar todas as máquinas.

Os axentes investigan o suceso e na xornada deste venres desprazouse a Policía Xudicial para tomar pegadas para dar cos asaltantes.

Hai pouco máis dun mes outros dous establecementos hostaleiros da localidade sufriron senllos roubos. Naquela ocasión os afectados foron dous bares situados na Rúa Calvo Sotelo e a Praza de Galicia. Os ladróns actuaron con minutos de diferenza e levaron diñeiro, tanto da caixa rexistradora como da máquina comecartos.