A Delegación Territorial da Xunta de Galicia en Lugo informou de que este mércores, ás 14:00 horas, quedou restablecida a circulación na estrada autonómica LU-642, no Incio, que permanecía cortada desde o pasado día 29 de novembro en ambos os sentidos por mor dun desprendemento.
O delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro, informou de que está operativo un dos dous carriis de circulación, de modo que o tráfico é regulado mediante semáforos provisionais.
Namentres, aclarou, "continúan os traballos de avaliación" para buscar "a solución técnica máis adecuada para restablecer" por completo a circulación, en condicións "de seguridade" para os usuarios da vía.
"Todas as medidas buscan ofrecer a maior seguridade para os usuarios que circulan por esta vía" e especialmente "os veciños do Incio e A Ferrería".