Reforzan a liña de bus para trasladar traballadores ao Hula desde Sarria

A nova frecuencia partirá desde Sarria ás 14.10 e regresará ás 22.20
AppleMark
photo_camera Entrada do Hula

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade reforzou as liñas de autobús que comunican a localidade de Sarria coa cidade de Lugo para facilitar o desprazamento dos traballadores do Hospital Lucus Augusti (Hula), con motivo da urxencia sanitaria provocada polo coronavirus.

Segundo informou a Delegación Territorial da Xunta de Galicia, incorpórase unha nova frecuencia -de luns a venres-, con saída ás 14:10 horas de Sarria para chegar ás 14:45 horas ao Hula, mentres que o regreso -en sentido contrario- ten prevista a saída ás 22:20 e a chegada ás 22:50 horas.

Tamén poden usar o autobús os cidadáns autorizados a realizar desprazamentos  

A liña inclúe as paradas intermedias do itinerario habitual.

Desta forma, Sarria e o Hula estarán conectados por cinco frecuencias diarias de ida e volta, aínda que a Xunta tamén aclara que ese reforzo ten oun carácter provisional e, polo tanto, prolongarase mentres dure a urxencia sanitaria, grazas a un acordo coa empresa concesionaria: Monbus.

Con esta medida preténdese dar cobertura ás necesidades de mobilidade de medio centenar de profesionais do hospital que residen nesa localidade e traballan na quenda de tarde, aínda que tamén poden usar o autobús os "cidadáns autorizados a realizar desprazamentos vinculados ás actividades expresamente previstas na normativa vixente". 
 

Comentarios