A reforma do colexio Ramón Piñeiro quedará rematada o próximo mes

O centro da Pobra conta cun mellor illamento e estrea fiestras e luminarias de aforro enerxético. Os traballos, financiados por Educación, teñen un custo de 587.000 euros
La conselleira Carmen Pomar (centro), durante la visita a una de las aulas del colegio Ramón Piñeiro. PORTO
photo_camera A conselleira Carmen Pomar (centro), durante a visita a unha das aulas do colexio Ramón Piñeiro. PORTO

O colexio Ramón Piñeiro da Pobra de San Xiao, no municipio de Láncara, estrea fiestras, un mellor illamento e luminarias de tecnoloxía led dentro dunhas obras de rehabilitación enerxética levadas a cabo pola Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional con 587.875 euros. A maior parte das actuacións foron executadas e está previsto que finalicen en dúas ou tres semanas.

As obras foron supervisadas pola conselleira de Educación, Carmen Pomar. Na visita estivo acompañada polo director do centro, Carlos Carballo; o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro; o alcalde, Darío Piñeiro; o portavoz do PP no concello, Santiago Cubillas; técnicos e outros representantes da administración autonómica.

A conselleira percorreu algunhas das instalacións do colexio, como o comedor, a nova biblioteca ou as aulas. Alí charlou con profesores, cociñeiras, axudantes do comedor ou alumnos e interesouse pola súa opinión sobre estas obras, as cales "favorecerán ou aforro enerxético", indicou. Atópanse a piques de finalizar e agora céntranse na parte de atrás do colexio, aínda que non interferen nas clases e estas pódense desenvolver con normalidade.

O centro educativo reclama unha rampla de acceso

Os traballos consistiron na substitución das fiestras por unhas de dobre vidro con rotura de ponte térmica, así como das caixas das persianas. Para a mellora do illamento tamén se actuou sobre a fachada e o forxado do baixo cuberta. Co fin dun maior aforro enerxético cambiáronse, ademais, as luminarias por outras de sistema led.

Aproveitando estas obras redistribuíronse algúns espazos, como a biblioteca. Esta foi trasladada á planta baixa (antes estaba na primeira) e agora conta cunhas maiores dimensións, con zonas diferenciadas para os alumnos de primaria e secundaria.

Os traballos incluíron a reparación e pintado de paramentos interiores e a renovación das placas do falso teito que estaban deterioradas. Ademais, foi habilitado un soportal na zona do comedor, ampliouse a sala de profesores e creouse unha multimedia.

Comentarios