Recibe luz verde o proxecto para facer cinco pisos na Casa dos Ulloa

A xunta de goberno local tamén adxudicou a reparación da cuberta do polideportivo da Rúa Castelao e o servizo de conciliación
Casa dos Ulloa o de As Arsenias, en la Rúa Maior de Sarria. AEP
photo_camera Casa dos Ulloa o de As Arsenias, en la Rúa Maior de Sarria. AEP

A xunta de goberno de Sarria aprobou este venres o proxecto básico e de execución para rehabilitar o edificio de titularidade municipal coñecido como Casa dos Ulloa ou Casa das Arsenias para habilitar neste inmoble, de case 350 metros cadrados de superficie construída, cinco vivendas de aluguer social dirixidas a mozos.

A restauración deste edificio, situado na Rúa Maior de Sarria, en pleno casco antigo e lugar de paso do Camiño de Santiago, conta cunha subvención do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) de 240.000 euros e outra do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño-Ulla -ao que pertence o concello sarrián- por importe de 102.755 euros.

Estas dúas axudas cobren practicamente a totalidade do custo da obra, calculada en 357.000 euros. Pola súa banda, o Concello xa aprobara no mes de maio unha modificación de crédito na que se incluían 117.000 euros para acometer esta actuación, de modo que dispón de fondos para financiar a parte restante.

A restauración da Casa dos Ulloa obtivo sendas subvencións do Instituto Galego de Vivenda e Solo e do GDR Miño-Ulla

O alcalde, Claudio Garrido, asegura que o proxecto recibiu "todos os permisos" pertinentes, polo que a rehabilitación sairá agora a licitación co executala nos primeiros meses de 2022. A subvención do IGVS está condicionada a ter lista a obra en outubro do próximo ano.

Segundo o proxecto, consistirá na creación de cinco vivendas, de entre 66 e 83 metros cadrados, para ofrecer en réxime de aluguer social. Dous irán na planta baixa, outras dúas no primeiro piso (en todos os casos cun dormitorio cada unha) e a quinta (de dúas habitacións) ocupará a baixo cuberta. Tamén restaurarase un edificio anexo para uso público.

Se todo transcorre segundo o previsto a Casa dos Ulloa terá ao fin unha utilidade, 16 anos logo da súa compra. Polo camiño perdéronse varias subvencións, propuxéronse distintos usos e rexistráronse varios incendios no inmoble, o último deles e o máis grave, en setembro de 2019, cando foi pasto das chamas nun suceso cuxo orixe puido ser intencionado.

A xunta de goberno tamén adxudicou na sesión extraordinaria celebrada este venres as obras de reparación da cuberta do polideportivo da Rúa Castelao, cuxo custo roldará os 57.000 euros.

Ademais, contratou a conciliación para este curso 2021-2022 na Escola Infantil Xela Arias e nos colexios Frei Luís de Granada e Antonio Fernández López de Oural, servizo ao que destina 67.700 euros máis Iva. Pola súa banda, o cátering da escola infantil quedou deserto, de forma que o comedor seguirase prestando mediante contratos menores.

Outro dos acordos foi a imposición de multas coercitivas en caso de non retirarse uns elementos da fachada da planta baixa dun edificio da Rúa Formigueiros que xerara queixas.

Comentarios