A RAG publica un relato do pai de Xela Arias para celebrar o Día da Lingua Materna

 Freixanes reivindica nun artigo a transmisión xeracional do galego, unha "riqueza" que abre a "porta ao plurilingüismo"
Fragmento da obra 'Xeliña fala galego', de Valentín Arias. ACADEMIA.GAL
photo_camera Fragmento da obra 'Xeliña fala galego', de Valentín Arias. ACADEMIA.GAL

A Real Academia Galega (RAG) celebrará o Día da Lingua Materna, que se celebra este domingo, 21 de febreiro, coa publicación do conto Xeliña fala galego, escrito polo profesor e tradutor Valentín Arias en boca da súa filla, a poeta Xela Arias, a quen están dedicadas as Letras Galegas de 2021.

Este texto, que estará dispoñible na páxina web academia.gal, publicouse en 1968 e narra a experiencia de Xela Arias como unha nena de sete anos criada en galego. Esta historia publicarase xunto cun artigo do presidente da institución, Víctor F. Freixanes, para reivindicar a transmisión xeracional da lingua como "unha riqueza" para "celebrar", á vez que lembra que o galego é "unha porta ao plurilingüísmo ". Precisamente, sobre isto mesmo poñen o acento a Unesco, para celebrar o Día da Lingua Materna en 2021, e a historia que Valentín Arias dedicou á súa filla. 

Neste contexto, o presidente da RAG explica no seu artigo, titulado Lingua da memoria, que a proposta da Unesco "este ano ten un obxectivo moi específico: promover o plurilingüismo para a inclusión na educación e na sociedade". Ademais, Freixanes destaca que a historia de Valentín Arias Xeliña fala galego "é moi significativa a este respecto", porque fala de "plurilingüismo sen renunciar ás raíces, profundizando nelas, para construír unha sociedade sen complexos".

O pai de Xela Arias publicou en 1968, nun especial das festas de San Xoán, en Sarria (Lugo), esta historia da que a súa filla é a protagonista: unha nena de sete anos que, aínda que xa aprendeu castelán, ten o galego como lingua materna por decisión dos seus pais.

Freixanes reflexiona no seu artigo sobre o valor afectivo da lingua materna, que é "o primeiro da memoria", e subliña a importancia de garantir a transmisión xeracional da lingua propia de Galicia: "Unha riqueza que debemos promover, celebrar e asegurar, non é incompatible con outras experiencias ". Non obstante, o presidente da RAG tamén aproveita a celebración do Día da Lingua Materna para defender o valor daquelas persoas que non medraron en galego pero que deciden dar o paso anos despois, xa que os novos falantes "son moi importantes" para "a recuperación e o uso social" da lingua.

Comentarios