"Queremos pór en marcha a aula de estudos xacobeos Elías Valiña"

Socio de La Unión dende 1965, José Quiñoá Díaz vén de ser reelixido por aclamación como presidente desta centenaria entidade sarriá, onde se propón acondicionar os xardíns, abrir un centro de estudos xacobeos e mellorar a accesibilidade da sede, un edificio singular de 1890
José Quiñoá nos xardíns da sociedade, co edificio principal ao fono.VILA
photo_camera José Quiñoá nos xardíns da sociedade, co edificio principal ao fono.VILA

CON PRETO de 500 socios, La Unión de Sarria sufriu os efectos da pandemia, pero mira ao futuro con optimismo e cunha directiva, encabezada por José Quiñoá, con novos proxectos en marcha.

Acaba de ser reelixido en asemblea. Satisfeito co apoio dos socios?

Si, sempre tiven apoio. A xestión que levamos feita tamén é moita, porque a sociedade se encontraba en moi mala situación. Levamos gastados uns 400.000 euros dende 2008 en obras extraordinarias. Á sociedade algo lle custaron, pero moi pouco, a maior parte son cartos das subvencións que solicitamos. Ademais tivemos un obreiro traballando dous anos subvencionado pola Deputación. Para nós foi un beneficio grande, porque se fixeron moitas pequenas obras.

As reformas foron un dos sinais de identidade da directiva que encabeza. Que queda por facer?

Queda moito. Unha das cousas é a reforma dos xardíns que, ademais de ser para a sociedade, embelecen o pobo. Tería un custo de 28.000 euros e trataremos de buscar unha subvención. Dentro dese acondicionamento vai o coidado da parte árborea, o castiñeiro, o cedro do Líbano... Tamén queremos poñer en marcha un centro de estudos xacobeos e para iso necesitariamos facer unha reforma no soto, onde temos un espazo moi amplo unha valoración aproximada de 36.000 euros. Temos pedida unha axuda á Xunta para esa aula, que levaría o nome de Elías Valiña.

"Dende o ano 2008 levamos investido os máis de 400.000 euros en obra extraordinarias dentro da sociedade"

En que consistiría e en que prazo calculan que estará lista?

Entre outras cousas será unha biblioteca para recoller todo o que se está publicando sobre o Camiño. Estamos traballando niso, porque nos gustaría telo este Ano Santo. Hai moita documentación recollida porque quen colabora é Xaime López, Arlindo, que ten unha cantidade moi grande de traballo feito e pasaría para a sociedade.

Que outros obxectivos se fixa para esta nova etapa de catro anos?

Dotamos a sede de ascensor e fáltanos unha parte para poder cumprir coa accesibilidade total. Non é fácil, porque o edificio é singular. Preparar unha plataforma eléctrica na parte posterior sería o menor impacto. Iso está valorado en 15.000 euros. Será quizais a primera cousa. Tamén nos gustaría poder facer un mural na fachada do edificio que dá á sociedade, pero iso é un custo excesivo para La Unión, tería que ser coa axuda de Deputación ou de Concello.

Condiciónaos dalgún xeito o feito de ter aínda sen cobrar subvencións nominativas do Concello?

Claro, por exemplo xa contactaramos cunha empresa especializada para acondicionar as árbores. Tiñamos pensado facelo con eses cartos e non o puidemos acometer. Fáltannos por cobrar uns 17.000 ou 18.000 euros das axudas de tres anos que están aprobadas.

Durante o seu mandato tamén se celebrou, no 2019, o centenario da sociedade. Entre os actos programados está a publicación dun libro. Como levan os trámites?

Estase maquetando agora, queriamos rematar neste mes ese traballo. A Deputación comprometeuse a editalo. Parécenos que estará dentro deste ano.

Volvendo a vista atrás, de que se sente máis orgulloso dende que chegou á presidencia no ano 2008? Contas saneadas, obras...?

Síntome orgulloso de todo, os que lle queremos á sociedade sentímonos contentos de que siga adiante. Mirando ao redor hai outras que tiveron moitos problemas e mesmo cerraron. Cando entramos non se facía ningunha actividade e co montón que organizamos chegamos a traer todas as semanas máis de 150 socios, o que é unha grande alegría para nós. Tamén fixemos fincapé en que as mulleres foran socias e hoxe hai máis de cen.

Outro dos retos históricos destas sociedades é atraer xente nova. En que punto se atopa La Unión?

Fomos traendo xente coas actividades, como bailes de salón. Onde máis xente nova hai hoxe é no billar. Estamos tratando de atraela o mellor posible, queriamos facer outras actividades, pero levamos dous anos que é unha pena.

Como lles afectou a pandemia?

Dende a Guerra Civil nunca se cerrara a sociedade e desta vez houbo que cerrar. Suspendeuse todo, pero o impacto nas baixas foi mínimo. A xente mantivo e mantén a sociedade, quedei moi sorprendido do comportamento dos socios. Foi unha alegría para nós e trataremos de compensalos agora cando se poda abrir.

Que expectativas teñen para este ano? Cren que poderán festexar dalgún xeito San Xoán?

Non o sabemos. Estamos a expensas do que nos deixen facer. Oxalá se puidese e que non fose motivo de volver atrás. Aquí unha parte moi grande estamos vacinados.

É optimista con respecto ao futuro desta sociedade cultural?

Eu sempre fun optimista. Eu creo que, se se traballa, a sociedade vai para arriba.

Comentarios