Queixas veciñais pola maleza no parque do Bosque de Sarria

Residentes na zona din que non poden usalo polo seu estado e piden ao Concello que o limpe
Parque O Bosque de Sarria
photo_camera Estado que presenta o parque O Bosque de Sarria. PORTO

Uns veciños que residen nas inmediacións do parque do Bosque de Sarria denunciaron que a maleza invade este espazo e reclamaron que o Concello o limpe.

Os residentes queixáronse de que este ano non se acondicionou a zona, que se atopa chea de maleza. O parque dispón de bancos, que non poden ser utilizados ante o estado do espazo. Ademais, algúns dos asentos están completamente cubertos por brión. Na área recreativa tamén hai restos dunha árbore e a herba xa empeza a cubrir as escaleiras de acceso.

"Ao haber tanta maleza ten que haber de todo", afirmou un veciño do lugar en relación coa presenza de roedores. Esta non é a primeira vez que os residentes se queixan do estado do parque, pois fai uns dous anos tamén reclamaron que se rozase.

Desde o Concello sinalaron que xa está prevista a súa limpeza e destes labores encargarase persoal municipal unha vez que finalice outros traballos.

A área recreativa do Bosque sitúase na parte alta do barrio de San Lázaro da capitalidade municipal, nas proximidades do convento da Mercé. Xunto ao parque construíuse hai uns anos unha urbanización. Este espazo verde foi recuperado en 2011, cando o Concello se encargou de limpalo logo de varios anos abandonado.

Comentarios