Queixas veciñais polo mal estado do viario de Toldaos a Seteventos

Piden que se arranxen uns 300 metros da vía que pertencen ao concello de Sarria, que está "intransitable" desde hai cinco anos"

Carretera de Toldaos a Seteventos. PORTO
photo_camera Estrada de Toldaos a Seteventos. PORTO

Os veciños de Toldaos (Láncara) reclaman ao Concello de Sarria que repare uns 300 metros da estrada que une esta parroquia con Seteventos.

Esta vía discorre polos dous concellos e, segundo residentes en Toldaos, o tramo pertencente ao municipio de Sarria atópase "intransitable" desde hai uns "cinco anos".

Denuncian que nuns 300 metros da estrada hai un gran número de fochancas e nalgún punto o firme está completamente levantado. Os turismos "xa empenzan a botarse a un carón e outro" para evitalos, aínda que así "comen a estrada nas beiras", afirman veciños. Estes dan un rodeo de cinco "quilómetros" para evitar discorrer pola vía.

Ante o estado que presenta "pican e rebentan rodas de coches de remolques de tractores e turismos xa arrastran na estrada", quéixanse os veciños de Toldaos. "Xa tivemos que levar a aderezar as rodas dos coches varias veces", engade un.

CAMIÓNS. Aseguran que na localidade hai varias ganderías e que algúns tráileres xa non queren desprazarse ao lugar polas "dificultades" de paso. "Non queren vir porque rebentan unha roda e custa máis arranxala do que gañan nos portes. Hai uns tres anos veu un porte de herba a miña granxa e dixo que non volvía polo estado da estrada", afirma un gandeiro.

Segundo explican, isto leva a que algúns vehículos pesados opten por descargar a mercancía noutra vía e evitar así circular por esta.

Din estar xa "fartos" do mal estado da estrada, polo que reclaman que o Concello sarrián arranxe este tramo, que "non custará moito" ao ser tan só uns 300 metros. Aseguran que desde o Concello botaron grava miúda e veciños cascallo, aínda que xa se volveron a crear as fochancas.

Comentarios