Un pub de Sarria recibe dúas denuncias nunha semana por incumprir o horario

Os axentes comprobaban que todos os establecementos hostaleiros se atopasen pechados e un deles, situado na Rúa Diego Pazos, permanecía aberto ás sete e media da mañá

A Policía Local denunciou por segunda vez nunha semana a un local de lecer nocturno da vila de Sarria por incumprir o horario de peche.

Os axentes comprobaban que todos os establecementos hostaleiros se atopasen pechados e un deles, situado na Rúa Diego Pazos, permanecía aberto ás sete e media da mañá deste domingo. O negocio tiña a porta pechada, pero dentro había música e ruído de clientes.

Por iso, procederon a imporlle unha denuncia porque o horario de peche máximo permitido pola lei é ás cinco e media da madrugada. Este é o caso dos tablados flamencos, discotecas e salas de festa. Agora o Concello será o encargado de incoar, instruír e resolver o expediente.

O negocio é reincidente, pois o pasado domingo impuxéronlle outra por tamén incumprir o horario de peche. Naquela ocasión foi denunciado xunto a outros dous establecementos por estar abertos entre as seis e media e as sete da mañá.

Ademais, o local hostaleiro xa contaba con outras denuncias anteriores. O Concello multouno con 4.200 euros, o cal lle foi notificado hai uns días polo Boletín Oficial do Estado (Boe) ao non ser posible comunicarllo doutra forma.

Tras iso o Concello concedeulle un prazo para que compareza no consistorio e se non abona a sanción esixiráselle polo procedemento de prema e devengará a recarga, os intereses de demora e as costas que se producisen. O propietario tamén pode presentar recurso de reposición ante o Concello.

Comentarios