Máis dun centenar de persoas claman contra os touros en Sarria: "A nosa meta é a abolición"

Houbo un enfrontamento verbal cando un asistente á corrida "arrincoulle un megáfono a un dos manifestantes"

Decenas de persoas asistiron en Sarria á protesta convocada en contra da celebración dunha corrida de touros na localidade, a única este ano que se celebra en Galicia fóra da cidade de Pontevedra. A mobilización, con preto de 150 participantes, segundo os organizadores, desenvolveuse desde as catro a tarde na rúa Castelao, fronte ao lugar no que se instalou a praza de touros nunha leira privada. 

A protesta estivo organizada pola asociación 'Sarria sen Touradas', que denunciou que xa se produciu un intento de celebrar unha corrida de touros na localidade en San Xoán, pero da que os seus promotores desistiron ante o "movemento veciñal". 

Parécenos de extrema gravidade que dúas ambulancias do 061 estivesen 'bloqueadas' durante a actividade, non prestando servizo na provincia

Paula Santiago, portavoz da plataforma, explicou que as protestas se desenvolveron sen incidentes, aínda que houbo un enfrontamento verbal cando un asistente á corrida "arrincoulle un megáfono a un dos manifestantes". "Non conseguimos frear a corrida, pero se volven intentar traer touros a Sarria seguiremos coas protestas, porque a nosa máxima meta é a abolición dos touros a nivel nacional e na nosa localidade", engadiu. 

Desde a organización 'Galicia, Mellor Sen Touradas' denunciouse que "o circo taurino de Sarria evidenciou que non existe un apoio real ás corridas de touros na localidade, onde o PSOE se puxo de perfil para avalar, de forma implícita, unha actividade cruel".  Ademais, a entidade avanzou que solicitará os expedientes do Concello e da Xunta ao sospeitar do "incumprimento da regulación sobre espectáculos taurinos". 

"Parécenos de extrema gravidade que dúas ambulancias do 061 estivesen 'bloqueadas' durante a actividade, non prestando servizo na provincia", engadiu a organización, que avanzou que preguntará no Parlamento e dirixirá unha solicitude de información ao Sergas. 

Comentarios