A primeira Casa Neno de Samos abrirá na antiga biblioteca do colexio

Ana Rodríguez, natural de Sarria, ocuparase do servizo
 
undefined
photo_camera Ana Rodríguez, co mosteiro de Samos ao fondo. VILA

A primeira Casa Neno do municipio de Samos estará en funcionamento no mes de setembro baixo o nome de Faragulla e ocupando as instalacions da antiga biblioteca do colexio público. A moza Ana Rodríguez Fernández é a promotora desta iniciativa para a conciliación laboral e familiar, que prestará servizo a cinco nenos e nenas de forma gratuíta para as familias.

Natural de Sarria e veciña de Samos, Ana Rodríguez, de 28 anos de idade, é graduada en Educación Infantil e cursou o ciclo superior da mesma especialidade. Segundo explica, exerce tamén como profesora na Escola de Música de Sarria -onde imparte música e movemento, así como iniciación musical para os máis pequenos-, ademais de ter experiencia en garderías e campamentos.

Todo iso serviralle como bagaxe para pór en marcha a Casa Neno, concedida pola Xunta, administración que financia este servizo para menores de 0 a 3 anos. Chamarase Faragulla, en recordo do alcume cariñoso co cal o seu avó se dirixía tanto ás súas fillas como ás súas netas. Para Ana Rodríguez será o seu primeiro proxecto propio, ao que se enfronta "moi contenta e con moita ilusión".

Estará en marcha en setembro co nome de Faragulla

A Casa Neno ocupará as aulas do colexio de Samos que outrora funcionaron como biblioteca escolar. En outubro do pasado ano, o Concello xa solicitara a desafectación destas instalacións á Consellería de Educación, polo que só resta aprobar a súa cesión, trámite que previsiblemente quedará resolto esta semana.

INSCRIPCIÓN. A intención da moza é poder iniciar as obras antes de agosto e ter todo listo para a apertura a mediados de setembro. O prazo de inscrición abre desde este xoves e ata o 6 do próximo mes. Para iso, as familias de Samos só teñen que facer a solicitude no consistorio.

Tras outros intentos que non callaron, o proxecto de Ana Rodríguez será pioneiro no municipio, onde calcula que hai 14 menores de entre 0 e 3 anos. A emprendedora anima ás familias a participar e desexa que a Casa Neno "axude a que a conciliación sexa máis fácil e queden en Samos".

Comentarios