Preto de 1.200 persoas desfilan en Sarria nun Entroido tardío

A cita, que repartiu máis de 5.000 euros en premios, mantivo o poder de convocatoria

Á terceira foi a vencida. Logo de dúas cancelacións por previsións meteorolóxicas adversas, a vila de Sarria celebrou este domingo o desfile de Entroido, con preto de 1.200 participantes disfrazados, numerosos espectadores e unha zona de son moderado para persoas con hipersensibilidade acústica.

Os case dous meses de demora con respecto á data inicial apenas restaron afluencia a un Carnaval cheo de referencias á historia local e aos oficios tradicionais como a olaría samanense, e cunha grande implicación de centros educativos e asociación de pais e nais.

O Concello repartiu máis de 5.000 euros en premios seguindo o criterio dun xurado formado por membros das asociacións Peleriños, Sarricanta e Meigas e Trasgos.

As principais cuantías (800 euros) foron para A túa cara sóame –parodia do programa de televisión– como mellor carroza, e para A lendas dos Seurros, do colexio de La Asunción, que se alzou coa vitoria en comparsas representando unha historia escrita polo investigador Xaime Félix López. Tanto a el como ao músico Abraham Cupeiro rendéronlle homenaxe no desfile, no que recrearon o seu karnyx.

Tamén houbo premios para Xuntos somos máis do colexio La Merced (600 euros), Diversión cósmica (300) da Escola de Educación Infantil Xela Arias e Cores do Oribio, dos centros educativos de Samos e Triacastela, que levaron 150 euros. Os pitufos chegan a Oural quedaron segundos en carrozas (600 euros), seguidos de Antes e despois do Ceip de Paradela (300).

Na categoría de adultos, de un a tres compoñentes, obtiveron premios Picaronas sacapolvos (150 euros) e As vacacións de Mr. Bean en Galicia (100) mentres que, de fóra da comarca, Circo Troula recibiu 450 euros como mellor carroza e Aladín e a princesa levou 150 polo seu disfraz de parella.

Escudería Frei Luis foi a comparsa infantil (250 euros) máis destacada e Avialae resultou galardoada con 200 euros pola súa música en vivo. O recoñecemento como comparsa máis animada (150 euros) recaeu en Sen vergoña, a mellor crítica de actualidade (60 euros) foi para A túa cara sóame e Marcos Balboa, de A lenda dos Seurros, alzouse como o participante máis dinámico (tamén 60).

Comentarios