O precursor da pedra de Rivera

Se o exlíder de Cs se cría innovador por exhibir unha pedra no debate electoral equivocábase. En Láncara, o seu alcalde, Darío Piñeiro, xa acudira a un pleno no ano 2014 cun anaco de formigón. "Este non inventou nada, xa o inventara eu", reivindica
Darío Piñeiro, en el salón de plenos de Láncara mostrando un trozo de hormigón. PORTO
photo_camera Darío Piñeiro, no salón de plenos de Láncara mostrando un anaco de formigón. PORTO

En política case todo está inventado. O golpe de efecto de Albert Rivera exhibindo unha pedra no debate electoral previo aos comicios xerais do pasado domingo, que tantos ríos de tinta fixo correr e tantos memes provocou, ten o seu precedente no concello de Láncara, de pouco máis de 2.600 habitantes, cuxo alcalde, o socialista Darío Piñeiro, xa puxo en práctica este método hai cinco anos, estando na oposición, para chamar a atención sobre a execución duns traballos.

Foi en decembro de 2014 cando, ao pasar pola parroquia de Ronfe de camiño a un pleno, tivo a inspiración de parar a recoller un anaco de formigón dunha obra de saneamento que realiza o Concello e coa que viña sendo crítico porque "rompía a cachos pola pouca resistencia".

"Recordo perfectamente o sitio onde o collín", explica Piñeiro, que meteu o formigón no coche e levouno consigo ao salón de sesións. Gardouno debaixo do seu asento e, na quenda de rogos e preguntas, sacouno a relucir. "Pregunteille ao alcalde (daquela o popular Eladio Capón) pola obra dos tubos de saneamento. Dixo que quedara moi ben e saqueille o formigón", sinala. Segundo a súa versión, foi nese momento, cemento en man, cando lle respondeu: "Como ía quedar ben se rompeu todo en cachos? Aquí lle traio un para que o vexa".

O DEBATE. Darío Piñeiro foi un dos millóns de cidadáns que, o pasado día 4, seguiu por televisión o debate electoral dos cinco principais candidatos ás eleccións xerais. No momento no cal o ata hai uns días líder de Ciudadanos sacou a relucir a pedra, o alcalde de Láncara non puido menos que recordar aquel pleno do ano 2014 e confesa que lle fixo "graza" a coincidencia.

Tentado estivo de mandarlle unha mensaxe aos seus compañeiros de partido en Láncara, pero deixouno pasar. Non lle fixo falta, porque un dos concelleiros do seu equipo, Pablo Rivera Capón, tamén estaba na súa casa dicindo que "iso xa o inventou Darío".

Non foron os únicos aos que lles veu á memoria o episodio vivido no salón de plenos. Segundo comentou despois unha funcionaria do Concello, ela tamén pensou esa noite que a pedra de Rivera "non era nada novo para Láncara".

Piñeiro confesa que lle fixo "graza" a coincidencia e que ambos buscaban "chamar a atención" sobre algo que vían incorrecto

EXALCALDE. Tampouco se esqueceu daquel capítulo o exrexedor Eladio Capón, quen leva varios anos apartado da vida política. "Darío trouxera ao pleno un pedazo de formigón dunha taxea en Ronfe dicindo que levaba pouco cemento", narra Capón, segundo o cal o socialista lle levou o formigón ata depositalo na mesa desde a cal presidía o pleno e el devolveullo ao seu posto coa advertencia "de que non o volvera facer, que non llo permitía máis".

Para Eladio Capón, a conduta de Piñeiro "estivo máis que fóra de lugar" e a de Albert Rivera "tres cuartos do mesmo". "Non o vexo correcto, paréceme unha bobada e dun nivel político moi baixo", sostén o exalcalde.

Tras opinar que "o que pasa en Barcelona é unha vergoña nacional", Capón considera improcedente utilizar este tipo de obxectos con fins políticos. "Se lle dese deputados... pero fíxate onde marchou", reflexiona, en alusión á retirada de Rivera.

Pola súa banda, Piñeiro tampouco oculta que tanto no seu caso como no do exlíder de Ciudadanos o obxectivo que se perseguía era o mesmo: "Chamar a atención; eu porque se facían mal unhas obras e el porque se xestionaba mal o de Cataluña". Sobre o conflito catalán, o rexedor lancarés prefire "non opinar" porque asegura ser "radical" neste sentido. "É moi diferente ir cunha papeleta a arrincar un lastro. Un foi excesivamente duro (en referencia ao expresidente Mariano Rajoy) e outro brando (por Pedro Sánchez)", manifesta.

A pesar da coincidencia sobre o uso deste tipo de elementos para poñer o foco sobre unha problemática, Darío Piñeiro móstrase moi distante ideolóxicamente de Albert Rivera. "Posiblemente noutros tempos el estivese máis á esquerda. Pero eu quedei e o virou", conclúe o alcalde, convencido de que o futuro político de ambos si que será diferente.

Comentarios