O PP de Láncara nega que acordase o salario do alcalde, que sobe un 36%

O BNG tamén se mostrou crítico co soldo do rexedor

Darío Piñeiro. L.PORTO
photo_camera Darío Piñeiro. L.PORTO

O portavoz do PP de Láncara, Santiago Cubillas, asegurou este mércores que en ningún caso acordou a asignación salarial do rexedor socialista Darío Piñeiro, á vez que criticou que esta suba un 36% con respecto á que tivo durante o último mandato.

"A desvergoña de Piñeiro non ten límites xa que en ningún momento aprobamos que vaia percibir máis de 5 millóns dás antigas pesetas de salario", afirmou Cubillas, quen cualificou de "excesivo" o custo para as arcas municipais.

Segundo dixo, aos 32.000 euros de soldo haberá que sumarlle otos 10.600 que paga o Concello á Seguridade Social polo socialista.

O PP, que se opuxo a este soldo no pleno do mesmo xeito que o BNG, denunciou tamén que o alcalde "usa para fins persoais ou coche do Concello". "Non se pode ser máis aproveitado", opinou Cubillas, quen pediu que o inclúa como retribución en especie.

Para rematar, insistiu en que Darío Piñeiro "falta á verdade" e reiterou que "nós nos seus intereses non pactamos nada".

BNG. Tamén o BNG mostrouse crítico co soldo do rexedor e o aumento das dietas. "A subida do 36% do salario do alcalde e o 100% das indemnizacións significa que Láncara perderá de investir nos veciños 15.250 euros ao ano, facendo un total de 61.000 euros ao final do mandato", apuntou o edil Iago Bande. Sinalou que a súa postura foi sempre a de redución de dietas e contención do salario do alcalde.

Por iso, lamentou que o goberno aprobase no pleno "unha corporación moito máis cara ca anterior", que custará 182.000 euros en todo o mandato.

Comentarios