O PP acusa o goberno de saltarse "a lei" nas obras da rúa Diego Pazos

Cuestiona o proceso de adxudicación e cualifica de "parche" estes traballos
undefined
photo_camera A Rúa Diego Pazos co novo pavimento. PORTO

O grupo municipal do PP de Sarria acusou o goberno local de "saltarse a lei" nas obras de renovación do firme da rúa Diego Pazos, entre os cruces da Ciguñeira e A Avenida. Estas comezaron o martes e continuaron este mércores coa extensión da capa de firme.

Para os populares a contratación dos traballos foi "presuntamente ilegal". Foron adxudicados, indicaron, por decreto o pasado mes de decembro, como contrato menor, por 48.000 euros. Ademais, dixeron, non dispoñen de permiso da Xunta. "Presuntamente puideron cometerse algúns delitos e no futuro veranse as consecuencias xurídicas e legais. Non están por enriba da lei, non podemos ter un alcalde e un goberno que se salten a lei", manifestaron desde o partido.

O PP cualificou as obras como un "parche" e un "verniz", pois "o problema queda aí, os desniveis nas beirarrúas e as filtracións". Cando leve a cabo a finalización da rúa "moi probablemente haberá que picar o que se fai agora", denunciou.

A formación recordou que o pleno municipal aprobou ata en cinco ocasións demandar ao Concello que termine a Rúa Diego Pazos. "Agora fixo unha solución parcial, non a acordada polo pleno", afirmou o partido, para o que non arranxar agora as beirarrúas é unha decisión que levará a "deixarlle o problema aos seguintes".

Comentarios