Posta a punto no roteiro de Fiz

A escultora sarriá Violeta Bernardo restaura a súa obra dedicada ao poeta samanense, a cal forma parte dunha ruta artístico-literaria polas terras de Lóuzara formada por 13 instalacións
Violeta Bernardo, durante os traballos de restauración da súa peza situada no souto do Pedregal. EP
photo_camera Violeta Bernardo, durante os traballos de restauración da súa peza, situada no souto do Pedregal.

Nas mesmas datas nas que se cumpren 23 anos do falecemento de Fiz Vergara Vilariño, a escultora sarriá Violeta Bernardo desprazouse ata Samos para acometer a restauración da súa obra dedicada ao poeta e que forma parte do roteiro artístico-literario inspirado no autor de Lóuzara.

Situada no souto do Pedregal e composta por travesas de tren, a instalación de Bernardo é unha das 13 creacións que se poden ver ao longo dos preto de oito quilómetros que conforman esta ruta, partindo de Airapadrón e rematando en Santalla de Lóuzara, localidade natal de Fiz Vergara.

As inclemencias meteorolóxicas acabaron por afectar ao conxunto, deteriorando a pintura, o que aconsellaba unha restauración da que se encargou a propia artista. Para Violeta Bernardo trátase dunha peza "moi especial", que conecta coa contorna e co sentido da obra de Fiz. "Quixen facer unha reinterpretación dun poema moi visual e poñelo en tres dimensións", comenta a escultora.

Tamén no pasado Fernando Yáñez retocou a súa instalación, afectada polo sol e a chuvia, e nun futuro próximo será Paco Poy quen restaure a obra da súa autoría, bautizada como "A casa"e localizada na Aira de Tesín.

A agrupación cultural Ergueitos promoveu este roteiro hai unha década coa participación dos artistas Primitivo Lareu, Jesús Otero-Yglesias, Manuel Buciños, Álvaro de la Vega, Violeta Bernardo, Miguel Macía, Fernando Yáñez, Mónica Alonso, Paco Poy, Caxigueiro, Eduardo Valiña, Paco Pestana e Manolo Caamaño, autores doutras tantas pezas baseadas en versos do vate samanense.

Segunda explica María Casar, presidenta da asociación, o obxectivo era "vencellar" a Fiz co seu lugar de procedencia, de xeito que "a súa poesía estivera presente polo Val de Lóuzara", ao que lle adicou gran parte da súa obra. "Queriamos poñer a poesía a pé de camiño, facela accesible, sacala dos libros e levala aos lugares polos que paseamos", engade Casar, quen lembra a forte vinculación do poeta "co rural e coa natureza".

Dende a súa creación, este roteiro recibe a visita tanto de alumnos de centros de ensino como de particulares chegados de toda Galicia, aos que Ergueitos facilita documentación se así o solicitan. Entres os últimos en descubrir a Lóuzara "xabreira", como a chamou Fiz Vergara, atópanse especialistas na elaboración de catálogos de lugares con encanto, que gravaron con dron o roteiro, indica Casar.

A presidenta de Ergueitos avanza tamén que en breve sairán publicadas as bases da vixésima edición do premio de poesía adicado a este autor e convocado xunto co Concello de Sarria, cunha dotación económica de 6.000 euros.

Ademais, a agrupación cultural segue reivindicando o Día das Letras Galegas para Fiz Vergara, un desexo que agarda ver realizado "máis pronto que tarde".

Comentarios