A Policía Local de Sarria comeza a denunciar por incumprir o confinamento

Os axentes sarriáns abriron expediente a cidadáns que estaban fóra dos seus fogares sen motivo xustificado ou que viaxaban en coche acompañados

Policía Local de Sarria. AEP
photo_camera Instalacións da Policía Local de Sarria. AEP

A Policía Local de Sarria, tras un período de información e advertencia aos cidadáns, comezou a realizar as primeiras denuncias por incumprir o confinamento nos fogares.

Este luns cursou tres, unha delas a unha persoa de idade avanzada que paseaba polo bulevar da Rúa Calvo Sotelo sen motivo xustificado e que hai uns días xa fora avisada de que esta conduta non está permitida.

As outras dúas denuncias foron a unha parella que circulaba nun mesmo vehículo e que, tras facer a compra, foi conxuntamente a un estanco.

Na mañá deste martes, houbo tamén controis de turismos por parte da Policía Local e expedientes a persoas que paseaban pola vila.

As denuncias serán derivadas á Subdelegación do Goberno para que adopte as sancións que proceda.

O concelleiro de seguridade, Félix Seijas, recordou a necesidade de cumprir as normas derivadas desta situación de crise sanitaria e asegurou que a Policía Local levará esta misión "a machada".

Comentarios