O pleno de Sarria aproba o abono de 360.000 euros de facturas de 2016

Os recoñecementos extraxudiciais de crédito saíron adiante esta vez coa abstención da oposición

O pleno ordinario celebrado este xoves pola corporación sarriá serviu para aprobar o pago de facturas pendentes do ano 2016 por importe de 363.000 euros, dos cales unha pequena cantidade corresponde a gastos da residencia de maiores Nosa Señora do Carme (ao redor de 20.000 euros) e o resto eran débedas con provedores do Concello.

Os recoñecementos extraxudiciais de crédito saíron adiante co apoio dos cinco membros do goberno presentes na sesión e a abstención dos dez concelleiros da oposición. Estes últimos xustificaron esta vez o seu voto "para non prexudicar aos provedores", pero foron moi críticos coa xestión económica do goberno e a prórroga dos orzamentos durante todo o mandato.

O non adscrito Antón Fortes acusou o bipartito de fraccionar "facturas para escapar da lei de contratos" e recordou que Fiscalía ten abertas dilixencias por esta causa. Pola súa banda, o portavoz popular, José Antonio García, asegurou que o Concello "está a roldar os dous millóns de euros de falta de pagamento e vos dez meses de demora nas facturas", ademais de incumprir "a regra de gasto e ser o que ten máis morosidade en Galicia".

A alcaldesa, a socialista Pilar López, culpou á oposición de impedir que estas facturas se abonasen antes ao votar para que quedasen sobre a mesa para mellor estudo en novembro do pasado ano. Sobre a débeda do Concello sostivo que "é bastante menos de dous millóns". "Non 2017 pagouse ata outubro ou novembro porque despois non se deu fiscalizado e este ano pagáronse ata abril as facturas que non tiñan reparos", afirmou. O incumprimento da regra de gasto foi de 43.000 euros.

O nacionalista Efrén Castro dixo que este goberno pagou á súa chegada 800.000 euros de facturas do anterior e que acaban de chegar outros 80.000 de certificacións da piscina cuberta. Tamén se dirixiu ao portavoz popular para anunciarlle que "xa lle chegarán noticias" de temas xudiciais, que non precisou no pleno.

Por outra banda, durante a sesión foron aprobados os festivos do próximo ano, que serán os días 24 de xuño e 9 de setembro.

Polémicas dietas dun curso de liderado político
Unha das polémicas do pleno viño motivada porque a alcaldesa pasou dietas por importe de 423 euros pola asistencia a un "curso de liderado político" en Madrid. Desde a oposición reclamaron que ese gasto non fose por conta do Concello ao entender que non entra dentro "do 
interese xeral do pobo de Sarria".

Pilar López, pola súa banda, defendeu que foi un curso "de formación" da Femp ao que asistiron máis alcaldes e polo cal pasou "as mínimas dietas" sen reparos de intervención, consistentes en tres noites de hotel "no máis barato que había en Madrid" e a quilometraxe, sen incluír ningunha comida. Desde a bancada popular avanzaron que, se non retira esas dietas, "traerémolo ao próximo pleno para que non pague o pobo de Sarria ou seu liderado político".

Comentarios