jueves. 02.07.2020 |
El tiempo
jueves. 02.07.2020
El tiempo

O pleno paramés aproba 45.900 euros en dous salarios

Pablo Armesto (esquerda) e José Luís López (dereita), xunto a outros edís, o día da investidura. PORTO
Pablo Armesto (esquerda) e José Luís López (dereita), xunto a outros edís, o día da investidura. PORTO

Haberá unha dedicación exclusiva do alcalde e unha parcial dun edil

O pleno do Páramo aprobou este martes dúas retribucións para este mandato por un total de 45.900 euros, repartidas nunha dedicación exclusiva para o rexedor, José Luis López, por importe de 27.000 euros brutos ao ano, e unha parcial para o primeiro tenente de alcalde, Pablo Armesto, que percibirá 18.900 euros anuais.

Os salarios saíron adiante cos votos do grupo de goberno, formado polos catro representantes da agrupación de electores Todo polo Páramo e o edil socialista, Pablo Armesto, que alcanzaron en días pasados un acordo para formar unha coalición "estable" neste municipio.

Pola súa banda, os catro concelleiros do grupo do PP, agora na oposición, votaron en contra destas retribucións ao consideralas excesivas. O rexedor explicou que o seu soldo é igual ao que percibía no seu anterior traballo.

Segundo a repartición de áreas acordado, o alcalde de Todo polo Páramo levará en primeira persoa todos os asuntos relativos a obras mentres que Armesto se ocupará de cultura, cooperación veciñal e benestar social, ás que dedicará máis de media xornada, afirmou.

Armesto será o primeiro tenente alcalde e Santiago Fernández, o segundo. Este edil terá baixo a súa responsabilidade as materias de traballo e asuntos sociais. Pola súa banda, Benjamín García, terceiro tenente de alcalde, encargarase de medio rural e deportes.

A única muller no grupo de goberno, Ana Castaño, estará á fronte dos asuntos de familia, muller e mocidade, ademais de representar ao Concello no consello escolar do colexio público.

O pleno aprobou tamén a composición da comisión de contas, que estará formada por dous membros de todo polo Páramo, dous de PP e o socialista.

As sesións plenarias celebraranse cada tres meses, o último martes, ás 20.30 horas, sendo a seguinte en setembro. As xuntas de goberno serán os luns, unha vez ao mes, e estarán compostas por todos os edís do bipartito coa excepción de Ana Castaño. As dietas, tanto por pleno como por xuntas ou comisións, quedaron fixadas en 50 euros.

O pleno paramés aproba 45.900 euros en dous salarios
comentarios