O plan Leader impulsou con 175.000 euros dous proxectos da comarca sarriá

As subvencións, xestionadas a través do GDR, permiten o desenvolvemento de software e a mellora dunha explotación

La Casa das Arsenias, ubicada en la Rúa Maior de Sarria. AEP
photo_camera A Casa das Arsenias, situada na Rúa Maior de Sarria. AEP

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Miño Ulla apoiou, a través do plan Leader, a dúas empresas da comarca sarriá, que se repartiron 175.500 euros en axudas.

Unha delas dedicouse a unha gandería do concello do Páramo para a mellora da eficiencia enerxética. O proxecto ten un orzamento de 212.200 euros, dos que se subvencionou cerca do 50 por cento (105.039).

A segunda axuda foi para un negocio de Sarria para o desenvolvemento e a comercialización de software de planificación de recursos empresariais e de xestión de clientes. O custo é de 141.000 euros, dos que o GDR achegou a metade, 70.500.

Catro proxectos da comarca quedaron na reserva e competirán con todos os expedientes que se presenten ata o 31 de marzo. Trátase da mellora da eficiencia enerxética nunha granxa do Páramo, a creación dunha planta fotovoltaica en Paradela, a apertura dun centro de relax e benestar e a posta en marcha dunha instalación fovoltaica nunha explotación. Estes dous últimos proxectos son en Sarria.

Tamén concorren ás axudas outros dous proxectos da zona: a reconstrución dun edificio para hostal en Sarria e unha instalación fotovoltaica nunha granxa.

Administracións
O Concello pediu unha axuda para a Casa das Arsenias


O GDR tamén achega axudas para proxectos dos Concellos. Está na reserva unha iniciativa do Concello de Sarria para a rehabilitación parcial da Casa das Arsenias, tamén coñecida como Casa dos Ulloa.

A administración local xa reservou 50.000 euros do plan único da Deputación de 2018 para a restauración do inmoble, aínda que, segundo informou entón, o custo total da obra é de 290.000.

O edificio sitúase na Rúa Maior e pasou a mans do Concello no ano 2005.

Comentarios