Pillan a un sarriao ebrio e burlando o toque de queda

A Policía Local parou o condutor, de 74 anos, en Catro Camiños e comprobou que fora identificado antes por increpar a alumnas
undefined
photo_camera Cruzamento de Catro Camiños. ARQUIVO

A Policía Local de Sarria sorprendeu na noite do venres un home de 74 anos e con domicilio na vila, que conducía un vehículo baixo os efectos do alcol polo centro urbano e saltándose o toque de queda, motivo polo cal se lle incoaron senllos expedientes sancionadores.

Os feitos ocorreron sobre as 23.15 horas cando a Policía Local, no marco dun control de seguridade cidadá no céntrico cruzamento de Catro Camiños, deu o alto a un vehículo Mercedes C-200 que procedía do bulevar.

Os axentes preguntaron ao condutor os motivos polos cales circulaba a esas horas e a explicación que recibiron foi que ía comprar tabaco", de modo que foi proposto para sanción ao non ter razón xustificada para incumprir o toque de queda.

Pero, ademais, o condutor dirixiuse cara aos axentes pretendendo facer ver como que tiña contactos e pedíndolles o número de placa. Sometido á proba de detección alcohólica polo estado que presentaba, arroxou un resultado positivo de 0,47 miligramos de alcol por litro de aire expirado, o que supón case o dobre do máximo permitido. No segunto test, practicado uns minutos máis tarde, seguiu dando 0,46.

Ao septuaxenario abríuselle entón o correspondente expediente por conducir baixo os efectos do alcol, á vez que se ordenou a inmovilización do seu vehículo na rúa Gran Vía, lugar do cal xa foi retirado.

Comprobando os datos deste veciño, os axentes puideron determinar, ademais, que se trata da mesma persoa que horas antes deste incidente xa fora identificada por outra patrulla tras recibir o aviso de que un home de certa idade supostamente estaba a increpar algunhas alumnas na zona dos colexios de Sarria con comentarios de tipo sexual.