Pilar López: "Arrepíntome de non ter seguido adiante co refuxio de animais no barrio do Mazadoiro"

A alcaldesa de Sarria asume que as obras de reapertura de Ponte Ribeira non estarán listas antes das eleccións, di que Diego Pazos levará tramitación "urxente" para saír da paralización, afirma estar arrepentida de non ter seguido coa polémica canceira no Mazadoiro e sostén que catro anos de goberno "non chegan a nada" en parte pola "burocracia"

Pilar López, no despacho da alcaldía. VILA
photo_camera Pilar López, no despacho da alcaldía. VILA

A FISIOTERAPEUTA Pilar López iniciouse en política no 2015 e converteuse na primeira alcaldesa de Sarria tras un pacto con BNG e CxG, roto pouco despois por dous concelleiros hoxe non adscritos.

Presentouse hai catro anos co lema "Reactívate". En que cre que se reactivou Sarria neste tempo?
En moitísimas cousas. Nós reactivamos Sarria. Con mellor ou peor resultado, o obxectivo de que Sarria cambiase, tivese máis actividade, proxectos e ilusión conseguímolo. Outra cousa é que ó mellor algúns dos proxectos non se puideron finalizar porque catro anos non chegan a nada.

Que parte do programa electoral considera que está cumprido?
Hai proxectos que estamos intentando rematalos, como abrir a piscina. Un dos problemas máis grandes nun concello é a burocracia, non é que nestes catro anos non fixésemos nada para que esa piscina abrise, senón que eses trámites ralentizan todo.

Entendo que abrila para este mandato será difícil...
Bueno, non. Agora mesmo sacamos a licitación o mobiliario de bancos e as "taquillas". Ó mellor dase aberto antes das eleccións aínda que sexa unha especie de período de proba para que a xente disfrute un pouco desta piscina.

Hai proxectos que estamos intentando rematalos, como abrir a piscina. Un dos problemas máis grandes nun concello é a burocracia

Pero antes haberá que adxudicarlla a unha empresa, non?
Pero ó mellor pódese adxudicar.

Unha das principais necesidades que ten Sarria é reabrir Ponte Ribeira. Asumen que non dará tempo antes das eleccións?
A intención que temos é que se abra o antes posible polo ben dos sarriaos, non polo ben de ter uns mellores rendementos políticos. Antes do 26 de maio? Xa podo dicir que non vai estar aberta a ponte, ó mellor as obras xa estarán empezadas, pero o que é a actuación na canle do río ata primeiros de xuño, que temos autorización pola estiaxe, non se poderá comezar.

Cando calculan que poderán estar rematadas as obras en Diego Pazos, agora mesmo paradas?
Tanto a resolución do contrato como a nova licitación van ir en paralelo e con procedemento urxente. A modificación que se vai facer das beirarrúas ó mellor inflúe no grosor do alcatrán. A parte sen executar non vai ser exactamente igual que a que se fará agora.

Afectaralle este parón a outras obras como a de Calvo Sotelo?
Non, porque cando se asfalte o bulevar o que vamos intentar é arranxar por treitos, dende A Ciguñeira á Rúa Poula... para intentar que non colapse a circulación.

Sobre a fortaleza: Estabamos pendentes do que pasaba co plan especial do casco histórico para negociar coa familia

Considera resolto o conflito da canceira unha vez desaloxados os cans da Rúa do Porvir?
Pechar a canceira ilegal non é acabar co problema. Eu vou intentar facer unha subvención para que Huellas de Sarria poda construír o seu refuxio e que se siga facendo ese labor que tan ben fixeron. S

Sería o subconsciente, pero dixo canceira "ilegal"...
Bueno, chamoulle todo o mundo canceira ilegal (ri).

Visto todo o que pasou estes anos, arrepíntese de non firmar no seu día o convenio coa Protectora?
En absoluto. O que me arrepinto, e sígoo dicindo aínda que politicamente non sexa o mellor pero neste caso dame igual, é non ter seguido adiante co refuxio no Mazadoiro porque estou completamente convencida de que a xente do Mazadoiro ía estar contenta.

Con respecto á fortaleza, unha vez descartada a expropiación, que plans teñen para o monumento?
Estabamos pendentes do que pasaba co plan especial do casco histórico para negociar coa familia. Sei que hai algunha parte que si está disposta a negociar e un pouco cansa de que outra parte non queira. Ó mellor haberá que cambiar de negociadores. O que si parece é que Patrimonio tomou cartas tras poñernos en contacto con eles e lle requeriu a familia para que arranxe os muros.

Que farán coas letras de Sarria que Patrimonio insta a retirar por non ter permiso deste organismo?
Non ten por que ter Patrimonio toda a razón do mundo. Esas letras aí para Sarria serían importantísimas e imos loitar para que queden no mesmo sitio e recorrer a resolución de Patrimonio.

Foi unha conversa sacada completamente de contexto e nunca presumín de 'jubilar al abuelo'

Que proxecto desexaría ver feito?
Rematar os que empecei e rehabilitar a Casa das Arsenias. Son 250.000 euros comprometidos do plan único e do GDR. Espero que saia a licitación en breve.


GOBERNO
"A nosa lista completa sairá cando vexa as outras tamén"

Como son as relacións cos seus socios de goberno?
Son moi traballadores. Se xa somos poucos e tiveramos socios de goberno que non loitaran e remaran para o mesmo lado sería case imposible gobernar.

Botou en falta algunha vez aos non adscritos para evitar a minoría?
Claro que se botan en falta, non eles en concreto, senón que se bota en falta unha maioría.

O 21 de maio do 2015 declaraba: "síntome respaldada a tope por Claudio Garrido, apóianos moitísimo e témolo case de xefe de campaña". Que pasou polo camiño?
Daquela era completamente certo. O que pasou nestes catro anos haberá que preguntarllo a el, porque a nosa actitude non cambiou en absoluto. Haberá que preguntarlle que cambiou para apoiarnos a tope a agora estar como estamos.

É certo que presumiu nas redes sociais de "jubilar al abuelo"?
En absoluto. Nin foi nas redes sociais e non presumín de nada. Foi unha conversa sacada completamente de contexto e nunca presumín de "jubilar al abuelo".

Está zanxada a polémica coa dirección provincial do partido pola proclamación da súa candidatura?
Segundo parece nunca houbo polémica, só malos entendidos.

Como vai a súa lista completa?
Pois esperarei a que haxa o resto. Ata que vexa que todas as secretarías locais da provincia teñen lista completa a nosa lista completa tampouco sairá.

Lánzalle outro órdago?
Outro órdago non. Eu quero ser como os demais, nin máis nin menos, quero ser igual.

Curiosidades
Punto de partida para peregrinos
O concello sarriao é un dos principais lugares de inicio das peregrinacións xacobeas. O pasado ano, case a metade dos peregrinos do Camiño Francés (88.509 persoas, o que supón o 47,5% do total) iniciou a súa ruta nesta localidade por situarse a pouco máis de cen quilómetros de Santiago, distancia esta mínima para obter a "compostela".

Unhas 1.700 prazas
O municipio oferta unhas 1.700 prazas de aloxamento entre hoteis, albergues, hostais, casas de turismo rural, pensións e vivendas turísticas.

Sobre a mesa está o debate da conveniencia ou non de ampliar esas distancias mínimas para evitar masificacións nas etapas finais dunha ruta xacobea que no 2021 vivirá outro Ano Santo compostelán.

Igrexas románicas
Aínda que o románico segue a ser un gran descoñecido en Sarria son unha vintena as igrexas que pertencen a este estilo espalladas por estas terras, facendo delas unha das zonas máis destacadas de Galicia nesta arquitectura.

Comentarios