Piden penas que suman 13 anos a tres acusados de estafa en Sarria

Un deles é O Alemán, en busca e captura ao non haber constancia oficial da súa defunción
O Alemán. EP
photo_camera O Alemán. EP

A Audiencia Provincial de Lugo sinalou para o vindeiro xoves a celebración dun xuízo por unha presunta estafa na venda de dous coches perpetrada en Sarria, pola cal solicita penas que suman 13 anos de prisión para as tres persoas acusadas.

Unha delas é o sarrián Javier Álvarez, con respecto ao cal descoñécese se se celebrará a vista tendo en conta que hai días a Audiencia ordenou a súa procura e detención ao non recibir ata esa data constancia oficial da súa defuncióncomunicada no mes de setembro en Colombia.

O escrito da Fiscalía diríxese contra el en calidade de apoderado dunha empresa dedicada á venda de automóbiles, así como contra S.L.V. como administradora única e F.J.C.S. como comercial da firma, a cal "simulaba que era un concesionario oficial da marca Mercedes".

Segundo o ministerio público, antes do 6 de febreiro de 2013, contactaron cos representantes legais dunha mercantil para ofrecerlles dous vehículos desta marca por importe de 35.000 e 46.000 euros, cantidades que lles foron abonadas do mesmo xeito que outros 4.000 euros de fianza por un terceiro coche, a pesar do cal os compradores non recibiron ningún dos automóbiles nin tampouco se lles reintegrou o diñeiro, coa excepción de 3.200 euros, "a pesar de haberllo requirido en numerosas ocasións", di.

Por estes feitos, o fiscal solicita no seu escrito cinco anos de prisión e 3.000 euros de multa para O Alemán, así como sendas penas de catro anos e 2.400 euros para os outros dous procesados.

En concepto de indemnización reclama 81.800 euros para os prexudicados.

Comentarios