Peregrinos sobre rodas

Sarria completa coa firma Galenduro a súa oferta en aluguer de bicis para os que percorren o Camiño
undefined
photo_camera Antonio Martos, no seu establecemento. S. IGREXA

Momentos de crises, momentos de oportunidades. Así o creu o madrileño, e practicamente sarrián, Antonio Martos cando decidiu diversificar o seu negocio -o hostal e albergue O Casarón de Sarria- e "pór os ovos en varias cestas", en vista de que o Camiño de Santiago tardaría en recuperar o seu ton habitual debido á fochanca provocada pola pandemia.

Unindo as súas grandes paixóns, a ruta xacobea e o enduro, Martos deu forma á firma Galenduro, que chegou fai un par de meses á rúa Diego Pazos en forma de tenda física -tamén está presente na web- para completar a oferta que hai na zona en canto a aluguer de bicicletas para peregrinos, así como en rutas guiadas en moto.

Este veciño de Sarria desde hai oito anos ofrece ao camiñante, non só bicicletas estándar "ou pulmonares", senón tamén eléctricas, o que para el é "o futuro". "O paquete de peregrino inclúe a entrega da bici onde se desexe, asistencia técnica durante o percorrido e recollida do material en Santiago, en Muxía ou en Finisterre", detalla Antonio Martos, á vez que confesa que as que máis interese seguen suscitando son "as de sempre".

Galenduro tamén ofrece rutas guiadas en moto

Este servizo dirixido ao peregrino que pretende facer un tramo sobre dúas rodas ou ben alugar este medio para todo o Camiño compleméntase co servizo de reparacións, así como a venda de bicicletas estándar e e-bikes, roupa e outros artigos.

E da súa afección polo enduro, modalidade na que corre, nace o pack de rutas en moto polos arredores. "Levo seis anos facéndoas en Sarria", recorda o xerente de Galenduro, que tamén é guía de turismo activo, mentres explica que os clientes contan cun guía que os conduce a lugares como O Courel, o Val de Láncara ou Louzarela.

Neste caso o sostible tamén está presente, por iso incluso se pode alugar ou adquirir motos eléctricas ao actuar como concesionario, un dos factores que diferencia a Galenduro dos demais.

Comentarios