Pechadas as áreas fluviais da Pobra e Láncara por non poder controlar o aforo

Piñeiro di que algunha fin de semana se produciron aglomeracións
Carteles en el área fluvial de A Pobra de San Xiao que informan del cierre de las instalaciones. PORTO
photo_camera Carteis na área fluvial da Pobra de San Xiao que informan o peche das instalacións. PORTO
O Concello lancarés pechou as áreas fluviais de A Pobra de San Xiao e Láncara ao non poder controlar o aforo, asegurou onte o alcalde, Darío Piñeiro.

A administración local tomou esta medida porque algunha fin de semana chegaron a producirse "moitas aglomeracións" e "non hai medidas para controlar". "Na Pobra chegou a haber un día 300 ou 400 persoas e algún outro día sobre 80", explicou o rexedor.

O alcalde ve "imposible cumprir as normas que esixen" sobre aforo. Por iso e ante o risco de que se produzan contaxios polos rebrotes de coronavirus, desde o goberno optaron por pechalas e non abrirán en todo o verán.

No caso da praia fluvial da Pobra colocáronse uns valos na vía de acceso, impedindo así o paso de vehículos. Ademais, instaláronse carteis informando o peche. Neles indícase que "ante a crise sanitaria que estamos a vivir, optamos pola máxima prudencia coa finalidade de protexer a saúde dos nosos veciños e veciñas, especialmente dos nosos avós e avoas, nuns momentos nos cales compre ser cautos ante a posibilidade de rebrote que se pode producir en espazos con gran afluencia de xente".

"O máis importante para nós é garantir a saúde de todos vos veciños e veciñas. Agardamos contar coa vosa comprensión e colaboración para protexernos a nós mesmos e aos que nos rodean", finaliza a nota informativa.

Pola súa banda, o portavoz do grupo municipal do PP, Santiago Cubillas, considera que a decisión de pechar as praias fluviais de Láncara e A Pobra é "precipitada" e afirmou que desde o Concello habería que estudar con detemento que medidas tomar. O edil opinou que por unha aglomeración "puntual" de xente o Concello non debe decidir pechar as áreas fluviais.

Comentarios